Un total de 439 mozos beneficiáronse este ano das axudas da Consellería do Medio Rural e do Mar para incorporarse á actividade agraria. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a Orde da Consellería pola que se amplía a dotación orzamentaria das axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria nun total de 9.750.000 euros, sendo o seu orzamento inicial de 7.000.000 de euros.
Con esta ampliación de capital, foi posible atender ao 100% das solicitudes de axudas desta convocatoria, favorecendo o proceso de rexuvenecemento do noso agro, sumando ao esforzo inversor que realiza o sector produtor o que se fai dende a Administración, procurando tamén asegurar a competitividade e a continuidade do tecido agrario. Do montante destas axudas o 37,59% dos beneficiados correspóndese á provincia de Lugo, seguida pola Coruña (31,44), Ourense (15,94) e Pontevedra (15,03).
Estas axudas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2007-2013 e teñen como obxectivo favorecer o acceso das persoas mozas á titularidade das explotacións agrarias.
O programa “Caixón solidario” da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, pretende servir de enlace para que os cidadáns e cidadás que dispoñan nos seus fogares de obxectos e materiais que xa non precisan, poidan facelos chegar ata as entidades de acción voluntaria inscritas nesta iniciativa.
A Dirección Xeral pon a disposición dos doantes un apartado da súa páxina web onde poden consultar en cada momento os organismos que son receptores e de que produtos, ademais de proporcionar esta mesma información cando lle sexa solicitada por correo electrónico ou por vía telefónica. Máis de 30 entidades de acción voluntaria inscribíronse no mesmo solicitando diversos materiais necesarios para o seu funcionamento.
Entre os materiais que demandan as entidades están os alimentos non perecedoiros, as cadeiras de rodas, os carriños de bebé, libros de texto, mantas, material de oficina e ofimático ou DVDs de películas ou música.
Neste programa, que se celebra este ano por segunda vez, a Dirección Xeral constitúe un elemento de enlace entre o doante e o receptor, de xeito que a aceptación, o transporte e a recepción dos elementos doados corren por conta das ditas partes.
Os obxectos doados deberán estar en bo estado e en condicións adecuadas para ser usados por outras persoas.
Desde a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado faise un chamamento para que todos aqueles particulares ou establecementos interesados en doar material se poñan en contacto mediante a paxina web www.voluntariadogalego.org, a través do correo electrónico voluntariado@xunta.es ou chamando ao teléfono 900 400 800, onde se facilitará o contacto da entidade ou entidades que máis che interesen.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe neste encontro de intercambio de documentación e experiencias á volta de 36 mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos que estiveron realizando prácticas profesionais en empresas da República Checa, Hungría, Polonia, Irlanda e Holanda
Ovidio Rodeiro indicou que “Galeuropa é o primeiro programa de mobilidade europeo para a realización de prácticas laborais que pon en marcha unha administración autonómica con medios propios”
Antes da saída, aos participantes seleccionados recibiron formación e información sobre o mundo sociolaboral no estranxeiro, sobre os procesos selectivos nas empresas, e como presentarse e ter éxito nunha entrevista de traballo
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, organizou hoxe unha xornada de intercambio de documentación e experiencias á volta de 36 mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos que estiveron realizando prácticas profesionais en empresas da República Checa, Hungría, Polonia, Irlanda e Holanda nos meses de novembro e decembro de 2012, no marco do programa Galeuropa.
O obxectivo deste programa é o de incrementar as posibilidades laborais de mozos e mozas en situación de desemprego, á vez que se perfeccionan as habilidades lingüísticas e se impulsa o desenvolvementos de habilidades persoais de autonomía e autoestima.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe neste encontro e indicou que “Galeuropa é o primeiro programa de mobilidade europeo para a realización de prácticas laborais que pon en marcha unha administración autonómica con medios propios”.
Os beneficiarios deste proxecto Galeuropa posúen na súa maioría estudos inferiores á formación profesional de grado superior nos sectores de turismo, administración e comercio. As prácticas realizáronse en hoteis, centros de turismo, comercios e centros do terceiro sector.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizou toda a mobilidade: recepción de solicitudes, selección de participantes, selección de empresas, impartición dun curso de preparación cultural e lingüística e o aloxamento no estranxeiro, así como a titoría durante toda a estancia. Ademais, os participantes tamén contaron cunha axuda económica de 400 euros para a manutención e para a viaxe de ida e volta e cun seguro de responsabilidade civil.
Antes da saída, aos participantes seleccionados recibiron formación e información sobre o mundo sociolaboral no estranxeiro, sobre os procesos selectivos nas empresas e como presentarse e ter éxito nunha entrevista de traballo. Así mesmo, resolvéronse as dúbidas sobre como reservar os billetes, dos aspectos propios da bolsa do proxecto Galeuropa e recibiron información sobre normas salientables de comportamentos e aspectos da vida diaria para ter en conta no país de destino.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participa hoxe en Madrid nun seminario internacional organizado pola Axencia Nacional Española do programa Xuventude en Acción, onde se abordarán os novos métodos e solucións para o uso dos carnés xoves europeos como ferramenta que facilite a mobilidade dos mozos.
No marco do chamado crecemento intelixente, a Comisión Europea ten establecido como un dos emblemas da Estratexia Europa 2020 a iniciativa ‘A Xuventude en Movemento’. Con ela preténdese favorecer a mobilidade, co obxectivo de mellorar a educación, formación e capacidades dos mozos a través do coñecemento doutras experiencias, culturas e oportunidades de traballar ou estudar en calquera Estado membro da UE.
Como buque insignia de ‘Xuventude en Movemento’, a Comisión Europea planifica desenvolver unha Tarxeta de Xuventude en Movemento (Youth on Move Card) que permita e facilite a mobilidade dos mozos no territorio da UE.
Tendo en conta a estreita relación desta idea co Carné Xove que xestionan as comunidades autónomas, a finalidade do seminario é coñecer máis de preto a iniciativa Youth on the Move card de man da Comisión Europea, establecer exemplos do uso do carné xove como ferramenta para facilitar a mobilidade e intercambiar boas prácticas e ideas sobre cómo impulsar o carné xove en España.
O carné xove conta na actualidade con 54.375 titulares e máis de 2.500 establecementos adheridos en Galicia. A través deste carné, os mozos e mozas poden obter descontos nunha ampla gama de servizos, como transportes, espectáculos, compras, aloxamentos, actividades culturais ou de lecer e tempo libre, tanto na nosa Comunidade autónoma como no resto de rexións españolas e na maioría de países europeos.
En concreto, a mocidade galega pode acceder aos beneficios que se ofrecen en 40 países europeos nun número de establecementos que rolda os 100.000 en toda España.
Os mozos e mozas de 12 a 30 anos, ambos inclusive, interesados en obter este documento de uso persoal e intransferible só teñen que cubrir un impreso de solicitude, acreditando a identidade co DNI ou pasaporte, pagar 6 euros mediante o impreso de taxa e achegarse a calquera das oficinas expendedoras do carné xove: servizos de xuventude e voluntariado provinciais; oficinas locais de Ferrol e Pontevedra; Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Santiago de Compostela; as oficinas municipais de información xuvenil; casas da xuventude e algunhas oficinas de Novagaliciabanco.
O carné ten unha vixencia de dous anos a partir da data de expedición (e sempre sen superar os 30 anos, inclusive). Ademais, os posuidores do carné xove contan cun seguro de balde que cubre o maior número de continxencias posibles nos desprazamentos para poder facer fronte aos imprevistos que poidan xurdir nas viaxes.
A Coruña acolle hoxe a quinta edición do Foro Galego de Solidariedade que está a organizar a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado en distintas cidades galegas. Máis de 60 dirixentes e responsables de entidades de acción voluntaria de Galicia participará na iniciativa que se celebrará ao longo de toda a mañá no Fórum Metropolitano.
O obxectivo deste programa é converterse nun espazo de encontro e interacción dos axentes de participación social e voluntariado de Galicia. O que se pretende é estimular e promover o debate e a reflexión sobre os aspectos cruciais para o desenvolvemento da acción das entidades sociais e solidarias galegas.
Como resultado do traballo participativo, editarse un documento coas conclusións do labor desenvolvido que sirva de guía para as persoas que non puideran participar no encontro. É o quinto foro galego que se celebra este ano, despois dos de Lugo, Ourense, Vigo e Ferrol.
O V Foro Galego de Solidariedade que se celebra na Coruña comezará ás dez da mañá coa presentación dos actos por parte do subdirector xeral de Voluntariado, Alberto Otero. A continuación, terá lugar o primeiro relatorio ‘A contribución social das entidades solidarias e de voluntariado: o discurso do propio sector’, que será impartido por Carlos Susías Rodado, presidente da Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-España) e vicepresidente da plataforma do terceiro sector.
Ás 11,00 horas haberá unha mesa redonda sobre a contribución social das entidades solidarias e de voluntariado e sobre o diálogo entre o sector coas administracións e empresas. Participarán o subdirector xeral de Dependencia, Jorge Rubén Sampedro,; o director da área de Servizos Sociais do Concello da Coruña, José Luis Quintela; a responsable do departamento de Responsabilidade Social Corporativa da Confederación de Empresarios da Coruña, María Botana; e o vicepresidente da Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia), Xosé Cuns Traba.
A continuación, sobre as 12,30 horas, organizaranse dúas entrevistas sobre a contribución social das entidades solidarias e de voluntariado: a visión doutras formas de intervención social e a perspectiva das persoas voluntarias e beneficiarias.
Os estudantes do CIFP Porta da Auga de Ribadeo (Lugo) participarán desde hoxe e ata o 14 de decembro no proxecto Escola Cooperativa Móbil que lles ensina todas as vantaxes do modelo cooperativo como saída laboral para sacar adiante iniciativas emprendedoras, dentro da campaña ‘Cooperativízate. Suma Forzas!’ levada a cabo pola Consellería de Traballo e Benestar.
A Escola Cooperativa Móbil é unha iniciativa de divulgación desenvolvida pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, que consiste nunha aula itinerante para mostrar as potencialidades do cooperativismo entre a mocidade que viaxará por centros educativos de toda Galicia.
Trátase dunha campaña que xa funcionou no curso 2010-2011 e que se volve a repetir polo éxito que tivo no período anterior. Está orientada principalmente aos rapaces de últimos cursos que van rematar os estudos e en moitos casos queren traballar, pero pola situación actual ou pola idade non atopan traballo. O obxectivo é chegar a estes rapaces e ofrecerlles unha alternativa a través das cooperativas.
Ademais de Ribadeo, a aula móbil xa pasou por diferentes localidades da provincia de Lugo como Castro de Rei ou Lugo, onde acadou un gran éxito entre alumnos e profesores. Na aula ofrecerase a información máis actualizada e completa sobre o cooperativismo, orientación especializada por parte de técnicos especializados e un programa de actividades moi atractivo, co obxectivo de situar nun primeiro plano o cooperativismo como unha opción laboral de futuro.
Os monitores da Escola Cooperativa Móbil, que estará ubicada nas instalacións do CIFP Porta da Auga de Ribadeo, ensinarán aos alumnos as vantaxes do cooperativismo, mediante sesións prácticas, coa finalidade de transmitir aos participantes dun xeito ameno e atractivo, os valores do cooperativismo, as habilidades sociais cooperativas, os pasos necesarios para crear unha cooperativa, así como a análise de casos de cooperativas de éxito.
A aula achegarase a máis de 25 centros de todo o territorio galego e rematará o seu percorrido cun acto de clausura en Santiago de Compostela en maio do 2013.
Un total de 969 mozos e mozas participaron durante 2012 nos proxectos galegos do programa europeo de participación e mobilidade Xuventude en Acción, unha iniciativa que xestiona a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Así o indica a estatística anual que elabora o Instituto da Xuventude do Ministerio de Sanidade, Servizos sociais e Igualdade para toda España.
O estudo tamén sinala que Galicia é a terceira comunidade con máis proxectos aprobados, un total de 60, o que supón o 10% estatal, a pesar de que a nosa comunidade é a quinta autonomía en número total de mozos, que supoñen só un 5,3% do total español.
Este elevado índice de participación pon de manifesto unha importante iniciativa dos mozos e mozas galegos en temas de mobilidade e participación activa, en todas as actuacións que teñan que ver coa adquisición de competencias mediante a aprendizaxe non formal.
A Comunidade autónoma foi tamén das poucas autonomías que logrou acoller proxectos de todas e cada unha das sete accións das que consta este programa. O orzamento manexado por entidades e asociacións xuvenís para levar adiante os sesenta proxectos foi de 818.510 euros.
Xuventude en Acción é un programa creado para promover a mobilidade dos mozos e mozas europeos, infundindo así un sentimento de cidadanía europea activa, solidariedade e tolerancia entre a mocidade co fin de promover a súa implicación na construción europea.
O programa fomenta a mobilidade dentro e fora dos límites da Unión Europea, a aprendizaxe non formal e o diálogo intercultural e tamén apoia a empregabilidade e a inclusión de todos os mozos e mozas independentemente do contexto social, educativo ou cultural ao que pertenzan.
O programa está dividido en diversas accións. Destaca a posibilidade que se oferta a grupos de mozos e mozas, procedentes de diferentes países, de atoparse e de coñecer mellor as súas respectivas culturas. Os grupos planifican xuntos o intercambio en torno a un tema de interese mutuo.
Outra das accións permite prestar apoio a proxectos de grupos e asociacións deseñados a nivel local, rexional ou nacional, así como a proxectos en rede entre distintos países. Os proxectos de democracia participativa constitúen outra das actividades e con eles apoiase a participación dos mozos na vida democrática da súa comunidade, ben a nivel local, rexional, nacional ou internacional.
A través deste programa tamén se fomenta a participación dos mozos en diferentes formas de actividades de voluntariado nun país distinto ao seu de residencia. Así mesmo, existe a posibilidade de que os mozos e mozas presten o seu apoio a proxectos con países socios veciños, principalmente intercambios, formación e proxectos de conexión en rede. As actividades de formación de traballadores novos e organizacións xuvenís, a través do intercambio de experiencias, coñecementos e boas prácticas, constitúe outro tipo de acción.
Por último, este programa tamén respalda o diálogo estruturado entre a mocidade e os responsables das políticas de xuventude a través de seminarios, conferencias e outros eventos, co fin de establecer unha plataforma de debates que permita formular propostas concretas de mellora.
Os usuarios galegos do carné xove disporán no ano 2013 de descontos en estadías de fin de semana na estación de esquí de Leitariegos. Esta é unha das propostas que xa está pechada para o próximo exercicio, aínda que a convocatoria para que as entidades especializadas en actividades de ocio e tempo libre presenten as súas propostas segue aberta.
En concreto, esta oferta inclúe un fin de semana que inclúe o desprazamento en autocar desde Santiago, A Coruña, Ourense, ou Lugo; dous días de hotel en Ponferrada; aluguer do material; 2 horas de clase de esquí en grupo e forfait libre para o sábado e domingo. O prezo total son 170 euros.
Ademais desta proposta en materia de ocio e tempo e libre, tamén hai outra xa pechada para o próximo exercicio. En concreto, ofertaranse un total de 31 cursos formativos no eido do ocio e tempo libre, con prezos que varían entre os 42 e os 120 euros. Os cursos están divididos en especialidades de deportes de aventura; actividades de escea, dramatización e animación para menores, maiores e persoas con discapacidade.
As entidades especializadas en actividades de ocio e tempo libre poden seguir presentando as súas propostas para os usuarios do carné xove de cara ao próximo ano. Para participar nesta campaña, deben asinar un compromiso de adhesión, onde se estableza un desconto para os usuarios deste carné.
A maiores destas actividades de ocio e tempo libre, os usuarios de carné xove contan con descontos nunha ampla gama de servizos como transportes, espectáculos, compras, aloxamentos, ou actividades culturais.
Actualmente en Galicia hai 54.375 titulares do carné e máis de 2.500 establecementos adheridos en Galicia. Os beneficios do carné non se limitan só a Galicia, senón que tamén se poden obter no resto de España ou na maioría de países europeos. En concreto, a mocidade galega pode acceder a beneficios en 40 países europeos e nuns 100.000 establecementos de toda España.
Os mozos e mozas de entre 12 e 30 anos, ambos inclusive, interesados en obter este documento só teñen que cubrir un impreso de solicitudes, acreditando a identidade co DNI ou pasaporte; pagar 6 euros mediante o impreso de taxa; e achegarse a calquera das oficinas expendedoras do carné xove: servizos de xuventude e voluntariado provinciais; oficinas locais de Ferrol e Pontevedra; o centro coordinador de información e documentación xuvenil de Santiago de Compostela; as oficinas municipais de información xuvenil; casas da xuventude e algunhas oficinas de Novagaliciabanco.
O carné ten unha vixencia de 2 anos a partir da data de expedición e inclúe un seguro gratuíto. Os posuídores de carné xove contan cun seguro de balde que cubre o maior número de continxencias posibles nos desprazamentos para poder facer fronte aos imprevistos que poidan xurdir nas viaxes.
Ademais deste carné, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado tamén emite outro tipo de carnés como o de alberguista, estudante internacional ou o “teacher” para docentes.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou este mediodía na rolda de prensa de presentación da décimo terceira edición de Megaxove, Salón da Xuventude que, dende o 6 ata o 9 de decembro, ofrecerá máis de 75 actividades de lecer e deportivas e converterá a Expourense no punto de encontro da mocidade galega durante a ponte festiva da Constitución e onde miles de rapaces e rapazas participarán de forma activa.
Nunha superficie de 8.000 metros cadrados daranse cita 40 expositores entre federacións e clubs deportivos e asociacións culturais e xuvenís de toda Galicia.
Expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade cos máis desfavorecidos, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou o respecto ao Medio Ambiente. “Valores, todos eles, que dende a Xunta de Galicia non podemos deixar de apoiar e estimular e, por iso, un ano máis, tanto a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado como a Secretaría xeral para o Deporte súmanse a este proxecto como colaboradores” asegurou Rogelio Martínez. Así estes departamentos autonómicos promoven dúas exposicións: unha denominada “Educación, Deporte e Valores” e outra de xogos populares.
Asociacións de voluntarios
O delegado territorial referiuse, na súa intervención, á conmemoración do Día Internacional do Voluntariado que se celebra mañá, día 5 de decembro. Aludiu ás 820 asociacións que integran a Rede de Voluntariado Galego e asegurou que Megaxove é “o mellor escaparate para dar a coñecer as actividades relacionadas co lecer, a cultura ou o deporte que organizan durante o ano as distintas asociacións e clubs sen ánimo de lucro nas que están implicados miles de voluntarios e voluntarias de todo Galicia”.
Actividades de manga, baile urbano, aquaball, un simulador de Fórmula 1, un obradoiro de decoración de Nadal en inglés e a recollida de alimentos baixo a denominada “Operación Quilo” son as principais novidades desta edición do Salón da Xuventude. O deporte volverá a ser un dos grandes protagonistas do salón que continuará promocionando as disciplinas minoritarias.
Ademais, Megaxove ofrece moitas opcións de entretemento e diversión para aqueles nenos e mozos que se acheguen ata Expourense durante a ponte festiva. Neste salón poderán atoparse dende inchables, os preferidos polos máis pequenos, ata unha parede de escalada infantil, karaoke, aeromodelismo ou xogos tradicionais e populares. Estes xogos tradicionais convivirán coa Ciber Aula e coa zona de videoxogos.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado levará a cabo hoxe unha campaña de concienciación sobre o VIH con motivo da celebración do Día Mundial da Loita contra a Sida o próximo sábado 1 de decembro.
Técnicos do Quérote + desenvolverán diversas actividades para axudar a visibilizar e sensibilizar aos cidadáns sobre os hábitos saudables en relación á prevención e tratamento do VIH. A campaña terá lugar entre as 9 e 14 horas nos seguintes emprazamentos: nas facultades de Económicas e de Dereito do Campus de Elviña, na Coruña; na Facultade Politécnica de Ferrol; e na Facultade de Farmacia, na biblioteca Concepción Arenal do Campus Sur e na Facultade de Económicas do Campus Norte, en Santiago. A campaña centrarase na prevención das enfermidades de transmisión sexual e nas persoas portadoras do VIH para que non queden no esquecemento.
Nestas ubicacións haberá unha mesa informativa onde se ofrecerá información sobre a SIDA, ao tempo que se recollerán as achegas dos cidadáns con respecto ao VIH. Estas ideas serán publicadas no perfil de Facebook de Quérote +.
A campaña, ademais, fai especialmente fincapé na concienciación, na responsabilidade das tomas de decisións e na información e educación para fomentar hábitos de vida saudables e mellorar a calidade de vida das persoas portadoras e tamén das que non o son.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntaria leva a facer diversas campañas de prevención do VIH ao longo dos últimos anos. Así, por exemplo, os equipos do Quérote + comezaron a facer a proba rápida do VIH en xullo do ano pasado, no marco dun programa de colaboración coa Consellería de Sanidade para achegar este recurso aos centros propios da mocidade.