En portada (1098)

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pon a disposición de concellos, asociacións e grupos informais de mozos e mozas un servizo de información e asesoramento sobre os seguintes programas:

 

  • INICIATIVA XOVE: programa de axudas de ata 5.000€ para financiar ideas lideradas por mozos e mozas 

 

  • GALEUROPA: programa de prácticas laborais de ata 3 meses nalgún país da Unión Europea

 

A través deste servizo, que terá un formato de charla explicativa, expoñeranse as principais características dos programas e ofrecerase información práctica sobre a presentación de solicitudes. O obxectivo desta iniciativa é facer accesible a información e o asesoramento sobre os principais programas desta dirección xeral a todos os potenciais beneficiarios, independentemente da súa localización xeográfica.

Os concellos e entidades, así como grupos informais ou mozos e mozas  interesados  nesta charla deberán cumprimentar o formulario que figura ao final deste texto. 

Recibida a referida solicitude, o dinamizador ou dinamizadora responsable da zona porase en contacto coa persoa indicada na solicitude para concretar os datos relativos ao lugar, data e horario da charla informativa.

No caso de haber varias solicitudes dentro do mesmo concello tratarase de fixar unha data común para os interesados e interesadas.

As charlas levaranse a cabo mentres estén abertos os prazos de presentación das diferentes axudas.

A inscripción realizarase a través deste formulario electrónico

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca o programa Iniciativa Xove que consiste en axudas económicas para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2020, e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas, que participarán activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.

A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.

Áreas de atención prioritaria:
a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, en especial contra a violencia de xénero.
c) Posta en valor e promoción do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo.
d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da mocidade na súa comunidade e na súa contorna.
e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
f) Promoción de sectores emerxentes vinculados ao sector TIC.
g) Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas.
h) Promoción de actitudes e hábitos sustentables e de concienciación sobre o cambio climático, así como de posta en valor do patrimonio cultural e natural.
i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.
j) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.

Destinatarios/as:
a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil.
b) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, se é o caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación.

Requisitos:
- As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
- Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, debidamente identificados. Unha destas persoas asumirá o papel de representante único do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique. As persoas que o compoñan deberán de estar empadroadas nalgún dos municipios pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentación da solicitude. Non poderá modificarse a composición do grupo unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.
Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou pertenza a outro grupo ou asociación, de ámbito autonómico ou provincial, solicitante destas axudas.

Proxectos:
Os proxectos deberán levarse a cabo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 5.000 €.
Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza do proxecto presentado, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2020.

Neste enlace podedes ver proxectos subvencionados en edicións anteriores: http://xuventude.xunta.es/iniciativa-xove

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 10 de marzo de 2020.
Solicitudes:  https://sede.xunta.es co procedemento BS306B.
Máis información no DOG do 10 de febreiro de 2020 e en http://xuventude.xunta.es/iniciativa-xove

No marco do programa “A Xuventude no mundo” ao abeiro das relacións bilaterais que a Xunta de Galicia mantén con entidades doutros países, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social convoca tres intercambios xuvenís:

cadro1

 

 

 

 

Obxectivos: facilitar o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas para a comprensión da diversidade cultural e favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais que faciliten o desenvolvemento persoal dos mozos e mozas.

Destinatarios/as: mozos e mozas galegos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos no momento de realizarse o intercambio.
Non poderán participar no/s intercambio/s, os mozos e mozas que participaran noutro intercambio ao mesmo país no marco do programa A Xuventude no mundo nos últimos tres anos (2017-2019). Así, neste caso, poderán participar nos intercambios a un país diferente do que xa participaran nos referidos tres últimos anos.

Prazo de inscrición: do 5 ao 10 de febreiro de 2020. (Pechado o prazo de inscrición)
Inscrición:  mediante envío de formulario electrónico dentro do prazo establecido. Só se admitirá unha solicitude por participante.
Os erros nos datos facilitados na solicitude de participación ou a omisión dalgún deles pode ocasionar a desestimación da solicitude.
Admítese a inscrición nos tres intercambios, tendo en conta os requisitos de participación en cada un deles. No caso de inscrición dobre ou tripla o/a solicitante deberá indicar a orde de preferencia de participación.

Admisión: será por rigoroso orde de inscrición, ata cubrir a totalidade de prazas convocadas para o intercambio. Os/as solicitantes seleccionados/as recibirán un correo electrónico de confirmación da praza. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, de non recibir comunicación nos tres días seguintes, entenderase que non obtivo praza.
No caso de que unha persoa solicite participar en dous ou tres intercambios, a admisión nun intercambio exclúe a admisión nos outros, salvo que non se cubran as prazas destes últimos.
De producirse baixas despois de adxudicarse as prazas, ofertaránselle aos/as solicitantes da lista de agarda, tendo que presentar o billete e demais documentación nos 5 días (naturais) seguintes da comunicación.
No caso de que o billete de transporte adquirido fose anulado posteriormente a súa remisión á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a praza para o intercambio será anulada e considerada non adxudicada.
Recibidos correctamente os documentos requiridos, aos seleccionados/as seralles facilitado, posteriormente, o nome do/a coordinador/a que acompañará ao grupo, así como o lugar de encontro no lugar de realización do intercambio.
Realizarase o intercambio se existe un mínimo da metade das prazas convocadas para cada un.

Documentación a remitir: confirmada a praza, nos 5 días (naturais) seguintes, as persoas seleccionadas deberán remitir a galeuropa@xunta.gal:
1. Documentación xenérica para os tres intercambios:
- Unha copia do/s billete/s de transporte adquirido/s para desprazarse ata a cidade do país de realización do intercambio. Non é documento válido a/s reserva/s de voo ou medio de transporte elixido.
- Copia do Documento Nacional de Identidade.
2. Documentación específica para os tres intercambios:
a) Unha copia do seguro de viaxe, de accidentes e de enfermidade.
Para acreditar cobertura de viaxe e accidentes a Venecia admítese copia do Carné Xove.
Para acreditar asistencia sanitaria admítese copia Tarxeta Sanitaria Europea ou certificado sustitutorio.
A non remisión destes documentos no prazo establecido supón a perda da praza no intercambio.
No caso de que a persoa seleccionada queira xestionar a súa viaxe con outras persoas participantes no intercambio deberá autorizar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a facilitar os seus datos de contacto aos demais participantes, cumprimentado o cadro  habilitado a tal efecto no formulario de inscrición.
b) Unha copia do pasaporte, no caso do intercambio a Xapón.

INTERCAMBIO XUVENIL A VENECIA (ITALIA)

Título:  “Venecia, Patrimonio Mundial”.
Datas de realización do intercambio:   do 2 ao 9 de xullo  de 2020. É obrigatorio participar no intercambio a totalidade dos días.
Prazas:  20 (acompañados/as dun/ha/s coordinador/a/s).
Cobertura do intercambio:
- Aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple.
- Transporte no ámbito do intercambio.
- Actividades organizadas pola entidade de acollida.
Será a cargo do/a participante:
- Os gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento do intercambio en Italia. Nos días anteriores ao inicio do intercambio comunicarase ás persoas participantes o lugar de aloxamento en Venecia.
- Os gastos do seguro de viaxe, de accidente e de enfermidade.
Actividades provisionais previstas:  entre outras, actividades de ocio educativo e culturais, visita á Basílica e Praza de San Marcos, ao Palacio Ducal, illas de Murano e Burano, ao Teatro La Fenice, Museo de Historia Natural, workshops, encontros con mozos e mozas venecianos/as e cea intercultural.
Recomendación de aeroportos máis pretos para chegar ao lugar de destino do país de realización do intercambio:
- Aeroporto Internacional Marco Polo - Venecia.
- Aeroporto de Sant´Angelo – Treviso.

INTERCAMBIO XUVENIL A TBILISI (XEORXIA)

Título:  “Encontro entre culturas”.
Datas de realización do intercambio:  do 13 ao 20 de xullo de 2020. É obrigatorio participar no intercambio a totalidade dos días.
Prazas:  20 (acompañados/as dun/ha/s coordinador/a/s).
Cobertura do intercambio:
- Aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple.
- Transporte no ámbito do intercambio.
- Actividades organizadas pola entidade de acollida.
Será a cargo do/a participante:
- Os gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento do intercambio en Xeorxia. Nos días anteriores ao inicio do intercambio comunicarase ás persoas participantes o lugar de aloxamento en Tbilisi.
- Os gastos do seguro de viaxe, de accidente e de enfermidade.
Actividades provisionais previstas:  entre outras, actividades de ocio educativo e culturais, visita a Mtskheta, Capital antigua de Xeorxia, o Museo Nacional, a Universidade Agraria, Catedral de Svetitskhoveli, Monasterio de Shiomgvime, Tblisi antiguo. Catedral “Sameba”, Castelo de Narikala, Baños vellos, Igrexa “Sioni”, Visita a Mtasminda e Mama Daviti, entre outros lugares.
Recomendación de aeroporto máis preto para chegar ao lugar de destino do país de realización do intercambio:
- Aeroporto de Tbilisi.

INTERCAMBIO XUVENIL Á PREFECTURA DE WAKAYAMA (XAPÓN)

Título:  “O Camiño  Kumano Kodo irmandado co Camiño de Santiago”.
Datas de realización do intercambio:  do 16 ao 22 de xullo de 2020.
Observacións:
O 16 de xullo, entre as 17.00 h e as 18.00 horas (hora xaponesa) todos os mozos e mozas participantes deberán estar  no punto de encontro sinalado no aeroporto de Kansai - Wakayama.
É obrigatorio participar no intercambio a totalidade dos días, é dicir, ata o 22 de xullo.
Prazas:  20 (acompañados/as dun/ha coordinador/a).
Cobertura do intercambio:
- Aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple.
- Trasporte no ámbito do intercambio.
- Actividades organizadas pola entidade de acollida.
Será a cargo do/a participante:
- Os gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento do intercambio en Xapón.
- Os gastos do seguro de viaxe, de accidente e de enfermidade.
Actividades provisionais previstas:  percorrido un tramo do Camiño Kumano Kodo, visita a lugares tradicionais da cultura xaponesa, encontros con mozos e mozas xaponeses,  audiencia con autoridades.
Reunión previa á saída:  Os /as mozos/as seleccionados/as serán convocados a unha reunión preparatoria do intercambio previo ao inicio do intercambio, no día e lugar que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A asistencia será obrigatoria, agás causa de forza maior debidamente xustificada. A data de realización desta reunión será comunicada por correo electrónico con antelación suficiente.
Recomendación de aeroporto máis preto para chegar ao lugar de destino do país de realización do intercambio:  Aeroporto de Kansai.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN  (Pechado o prazo de inscrición)

Máis información na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, teléfono 981 545 702
galeuropa@xunta.gal

 

CUMPRIMENTO DA NORMATIVA DE PROTECCIÓN DE DATOS

Os datos persoais recadados neste programa serán tratados na súa condición de responsable pola Consellería de Política Social coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste programa.
O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme as referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado comprométese ao cumprimento da súa obriga de segredo dos datos de carácter persoal e adoptará todas as medidas técnicas e de seguridade para asegurar a confidencialidade dos devanditos datos, así como evitar a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizado, habida conta, en todo momento, do estado da tecnoloxía.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca axudas á mocidade para a adquisición de vivenda:

- Subvencións para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes.
- Subvencións para a adquisición de vivenda nos centros históricos.

Requisitos das persoas mozas:
Persoas maiores de idade que, tendo menos de 35 anos na data de presentación da solicitude, reúnan os seguintes requisitos:
1. Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.
2. Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o IPREM*.
Este límite será de catro veces o IPREM se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou se dentro da súa composición existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O referido límite será de cinco veces o IPREM cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:
  - Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
  - Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
3. Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á data da presentación da correspondente solicitude.
4. Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español.
5.  Ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda, que reúna os seguintes requisitos:

Requisitos da vivenda:
1. Que a vivenda estea localizada nun concello pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de menos de 5.000 habitantes, (procedemento VI435A)
2. Que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico, (procedemento VI400A)
3. Que se trate dunha vivenda xa construída, tanto vivenda nova como usada.

Requisitos do prezo de adquisición da vivenda:
1. Que o prezo de adquisición da vivenda, nun concello de menos de 5.000 habitantes, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a cen mil euros.
2. No caso de subvencións para a adquisición de vivenda en centros históricos, que o prezo de adquisición da vivenda, no caso de que estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, non supere o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, computando unha superficie útil de 120 m² e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.

As solicitudes tramitaranse preferiblemente en https://sede.xunta.gal/portada cos procedementos VI435A e VI400A
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o o 30 de setembro de 2020
Máis información no DOG do 4 de febreiro e en http://igvs.xunta.gal/

*IPREM: 537,84 €

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2020. As acción voluntarias dentro deste proxetos deberán ser desenvoltos por mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.

Este programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarios/as na realización dos proxectos de voluntariado

Proxectos subvencionables
Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos; para os menores de 18 anos precísase, ademais, autorización do pai/nai ou titor/a legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes áreas:
a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
c) Actividades con colectivos en situación de risco.
d) Actividades xuvenís.
e) Actividades ambientais.
f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero ou actuacións dirixidas a proxectos ou programas que desenvolvan medidas orientadas á prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero.
g) Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.
h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.
i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.

Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2020. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo e se son inferiores sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

Requisitos:
- Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
- Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarias ou voluntarios.
- Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias.

Os trámites presentaranse en http://sede.xunta.es co procedemento BS320A
O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 3 de marzo de 2020.
Máis información no DOG do 3 de febreiro de 2020 e en www.voluntariadogalego.org

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado  convoca subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado durante o ano 2020 nas seguintes áreas:

a) Área de sensibilización: o obxectivo destes programas será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como:
- Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das entidades de acción voluntaria, así como á promoción e captación de voluntariado.
- Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas organizacións.
- Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación: local, comarcal, etc.
b) Área de formación: persegue unha modernización e adaptación permanente das entidades de acción voluntaria á realidade social a través destas liñas fundamentais:
- Formación de persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias.
- Fomento e incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades como, por exemplo, o deseño e mantemento de páxinas web.
c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades incorporando, de xeito transversal, as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado.

Beneficiarias/os
Entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia que realicen proxectos de voluntariado durante o ano 2020, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, e que se desenvolvan dentro das áreas de intervención previstas na Estratexia de acción voluntaria 2016-2018.

Requisitos:
a) Que as entidades de acción voluntaria de carácter privado estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarios ou voluntarias.
c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

Os trámites poden facerse en http://sede.xunta.es co procedemento BS508B
O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 3 de marzo de 2020.
Máis información no DOG do 3 de febreiro de 2020 e en www.voluntariadogalego.org

A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

Entre outros terán preferencias os seguintes proxectos:

- Proxectos que establezan servizos dirixidos as persoas mozas e ás mulleres, tendentes a favorecer a súa participación social e laboral.
- Proxectos que consistan no establecemento de oficinas municipais de información xuvenil, mediante a contratación de mozos e mozas desempregados menores de 30 anos para realizar as funcións de información, animación ou dinamización xuvenil.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario TR351A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 28 de febreiro de 2020
Máis información no DOG do 28 de xaneiro de 2020.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca axudas e subvencións para a realización de programas de emprego dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (etapa de formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estes programas de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Poderán ser persoas beneficiarias participantes destes programas aquelas persoas mozas de dezaoito ou máis anos que non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente no momento da selección do alumnado, inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia

Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos polos concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos e as entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades cuxa titularidade corresponda integramente a elas.

Duración
A etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de doce meses e estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.
A data límite para o inicio da formación e as prácticas profesionais será con carácter xeral o 1 de xuño de 2020.

Contidos formativos:
1. Durante o desenvolvemento do proxecto, o alumnado traballador recibirá formación profesional para o emprego, alternándoa coa práctica profesional.
2. Desde o inicio da súa participación no proxecto, o alumnado será contratado pola entidade promotora na modalidade do contrato para a formación e aprendizaxe.
3. Durante esta etapa os alumnos e alumnas percibirán as retribucións salariais que lle correspondan.
4. A duración dos contratos de traballo subscritos co alumnado-traballador non poderá exceder a data de remate do proxecto.
5. Nos proxectos impartirase a formación complementaria que determine o Servizo Público de Emprego incluíndo, en todo caso, as materias de alfabetización informática e sensibilización ambiental.
6. Tamén se impartirá un módulo de sensibilización en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tendo en conta a vulnerabilidade que as mulleres teñen no ámbito laboral e a importancia das medidas dirixidas a combater os estereotipos de xénero e a segregación na educación e na formación, que teñen unha gran incidencia na empregabilidade das mulleres xóvenes

Orientación, información profesional, formación empresarial e asesoramento
1. O alumnado durante todo o proceso formativo, recibirán orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que as entidades promotoras dos proxectos contarán co persoal para efecto.
2. Ao remate da actividade do proxecto, as entidades promotoras prestaranlles asesoramento ao alumnado participante, tanto para a busca de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de febreiro de 2020.
As solicitudes tramitaranse en https://sede.xunta.es co procedemento TR353B
Máis información en http://garantiaxuvenil.xunta.es

Publicado no DOG do 21 de xaneiro de 2020

Lingua rodada

Xan 16, 2020

Lingua rodada é unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo coa finalidade de potenciar o uso e a valoración positiva do galego entre as xeracións máis novas, en consonancia co Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.

Para acadar este obxectivo é evidente a importancia as tecnoloxías da información e da comunicación, a Internet, as redes sociais e os recursos audiovisuais, ao seren do gusto das xeracións novas, todas elas nativas dixitais.

Con esta proposta, os rapaces e rapazas crearán vídeos baseados en pequenos relatos para plasmaren a esencia da nosa terra: a súa fala, a súa xente e os seus costumes, lendas, paisaxes, patrimonio, historia...

Poderá participar alumnado de 12 a 17 anos dos centros de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que curse ensinanzas de educación secundaria (ESO, 1.º de bacharelato, formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio) e especiais de grao medio con vídeo-relatos de ata 1:30 min de duración, gravados con aparellos móbiles.

- A 1.ª fase iniciarase cunha proba de selección aberta (casting) na que se elixirán os tres mellores vídeo-relatos enviados polos centros. O prazo de inscrición será do 10 de xaneiro ao 3 de febreiro, e o de envío dos traballos, do 4 de febreiro ao 4 de marzo de 2020.
- Na 2.ª fase, os tres centros finalistas da proba de selección recibirán un obradoiro de 3 h de duración, entre o 11 e o 13 de marzo, e enviarán un novo vídeo-relato a linguarodada@gmail.com entre o 16 de marzo e o 22 de abril, O xurado de Lingua rodada elixirá o audiovisual gañador.
- Na 3.ª fase, o alumnado participante na obra gañadora terá a oportunidade de rodar o seu vídeo-relato cun equipo de profesionais do audiovisual durante unha convivencia de dous días no rural galego, e de asistir á súa presentación na XVII Edición do Festival de Cans.

Este programa é tamén unha pequena homenaxe a Chano Piñeiro, un dos pioneiros do cinema galego, no 25 aniversario do seu pasamento. En 2020 tamén se farán 30 anos da estrea en Galicia de Sempre Xonxa e 35 da primeira emisión da TVG, que comezou en xullo de 1985 con Mamasunción, unha obra que ese ano ampliaría o seu palmarés cunha chea de premios en certames nacionais e internacionais.

Nas súas palabras, "facer cine en Galicia é posible e facer cine en galego é necesario".

https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Premios/convocatoria_0101/lingua-rodada

A Tarxeta Xente Nova é a tarxeta de transporte metropolitano de Galicia que permite realizar viaxes interurbanas gratuítas.

Quen a pode utilizar?
Mozos de entre 4 e 20 anos, porque os menores de 4 anos xa viaxan gratis no transporte interurbano. Cando cumpras 21 poderás seguir usando a tarxeta ata que se esgote o saldo.

En que liñas de transporte se pode usartarxetaxentenova
Área da Coruña
Área de Santiago
Área de Ferrol
Área de Lugo
Área de Vigo

Como conseguila?
Solicita cita nesta páxina: https://solicitudonline.abanca.com/Tarjetas/gl/txn
Ao facilitar os datos que se solicitan xerarase unha cita na oficina Abanca máis próxima. Non é necesaria unha conta asociada.
Unha vez alí, só necesitarán o teu DNI. A tarxeta é gratuíta. Lembra que, se aínda non cumpriches os 18 anos, deberá solicitala o teu representante legal, que, xunto co teu DNI, só terá que levar o seu DNI e o libro de familia ou documentos equivalentes.
Hai que cargar a tarxeta antes de poder viaxar con ela.

Como recargala?
En todas as oficinas e caixeiros de Abanca.
En efectivo ou con tarxeta de dédito de Abanca. Con tarxetas de crédito ou doutras entidades poden existir comisións bancarias.
Banca Móbil e/ou Banca Electrónica de Abanca: podes recargala desde o móbil ou o ordenador, e introducila en calquera caixeiro Abanca para que a carga se faga efectiva.

Como viaxar con ela?
Para recibir a túa bonificación só deberás introducir a tarxeta en calquera caixeiro Abanca e automaticamente recibirás o aboamento das viaxes realizadas.
Todas as viaxes interurbanas reembolsaranse cada 15 días, ata un máximo de 60 viaxes mensuais.
Para recibir a túa bonificación só tes que introducir a túa tarxeta en calquera caixeiro de ABANCA e aceptar o reintegro. Automáticamenete recibirás o aboamento das viaxes realizadas.
O importe dos reembolsos cargaranse segundo a tarifa aplicada en cada momento.

Se queres aclarar algunha dúbida podes facelo no enderezo tmg@xunta.gal

Máis información en https://tmg.xunta.gal/xente-nova-que-e