Correspondentes Xuvenís 3.0

11 Xul 2016

Correspondentes Xuvenís 3.0 é un programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que pretende contar cunha antena informativa en cada centro educativo, que se responsabilice de recoller a información en materia de xuventude enviada dende a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil da súa localidade para difundila entre o alumnado do centro. Para iso conta con apoio do persoal do centro coordinador de información xuvenil, dos Espazos Xove e co profesorado participante no programa.

Os obxectivos específicos deste programa son:

- Difundir información de interese para a mocidade que está nos centros educativos a través de correos electrónicos,  Redes Sociais e a través da información da páxina http://www.xuventude.net.
- Ofrecerlle ás mozas e mozos que queiran ser correspondentes a posibilidade de informar aos seus compañeiros e así favorecer a participación e a maduración persoal, fomentando unha educación en valores para pensar e desenvolver o espíritu crítico.
- Facilitar o acceso aos mozos e mozas ás actividades, programas e carnés que ofrece a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, descentralizando deste xeito a información nuns centros claves para o noso público obxectivo.
- Traballar en rede cos centros, permitindo a recepción de información das actividades, iniciativas e propostas do alumnado, permitindo a súa canalización e potenciando, así, os servizos de información xuvenil entre a mocidade dos centros educativos.
- Formar á mocidade na xestión do manexo da información, potenciando as súas habilidades sociais e a asunción temperá de responsabilidades.
- Recabar información das actividades que se organizan por ou para a xuventude desde os propios institutos ou outras institucións para difundila ao resto da mocidade galega.

Os correspondentes xuvenís son mozos ou mozas, estudantes de segundo ciclo da ESO, bacharelato ou ciclos medios e superiores de formación profesional que se encargarán de informar aos demais compañeiros das convocatorias, carnés xuvenís, recursos e actividades que poidan ser do seu interese.

Os correspondentes terán as seguintes funcións:

- Xestionar un taboleiro informativo no que haberá información sobre temas do seu interese.
- Difundir a información que reciban a través dos medios ao seu alcance: redes sociais, entre os delegados de clase, compañeiros de instituto…
- Manter actualizado e ordeado o taboleiro informativo do centro.
- Participar activamente nas actividades e tarefas resultantes do desenvolvemento do proxecto nas titorías, nas aulas, na biblioteca e noutros espazos do centro onde se desenvolvan as liñas estratéxicas do Plan Proxecta.

A información serálle enviada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e polas oficinas de información xuvenil da súa zona.

Beneficios para os/as correspondentes:

- Recibirán gratuitamente o carné xove, o carné internacional e o carné de alberguista durante o ano escolar no que están como correspondentes.
- Terán preferencia nalgúns dos programas da DXXV nos que así conste nas súas bases.
- Reconoceráselles o tempo como persoas voluntarias mediante un certificado expedido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Estas horas poderán serlle convalidadas como prácticas para os cursos de información xuvenil que as esixan.

Contarase cun apartado propio da páxina http://www.xuventude.net e material das distintas actividades de xuventude.

Alumnado ao que vai dirixido: preferentemente 3º e 4º de ESO, Bacharelato e FP

Temporización: Curso completo

Criterios de selección: Poderán participar todos os centros públicos e concertados galegos de educación secundaria e formación profesional que o soliciten.

Persoa responsable: Jaime Díaz Fiuza

Teléfono: 881 997 606

Máis información: Plan Proxecta