A DIRECTORA XERAL DE XUVENTUDE VISITOU EN BETANZOS O CAMPO DE TRABALLO “PARQUE DO PASATEMPO”

21 Xul 2016

A Directora Xeral de Xuventude, participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou aos participantes nos Campos de traballo de Betanzos e Curtis, que forman parte da campaña de Verán da Consellería de Política Social. Ademáis, a directora xeral aproveitou para saudar tamén aos mozos e mozas que participan nun Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre no Espazo Xove de Betanzos.

Nesta cidade está tendo lugar un Campo de Traballo de restauración do 15 ao 26 de xullo. Os voluntarios realizan una valoración e diagnose do estado da Fonte das Catro Estacións dos Xardíns do Pasatempo para redactar un proxecto de restauración, con limpeza e consolidación preventiva da fonte, limpeza e acondicionamento dos xardíns que rodean e actividades de difusión e divulgación do proxecto.

No caso de Curtis, o Campo versa sobre a Igualdade no medio rural e ten lugar do 20 ao 31 de xullo. Os voluntarios comezarán o seu labor desenvolvendo unha dinámica na rúa que serve de presentación da presenza do campo no municipio. De seguindo, realizarán un vídeo con veciños de Curtis con pequenas intervencións e opinións sobre o tema da igualdade para axudar a visualizar esta problemática. Tamén realizarán intervencións nos campamentos xuvenís, que concluirá con traballos de investigación sobre a igualdade no medio rural e unha exposición final.

Cecilia Vázquez destacou que “os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes”. Así mesmo, “fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutras Comunidades e países”.

Son polo tanto recursos de gran valor xuvenil, nos que Galicia é a comunidade de referencia na materia. Cómpre destacar que o ano pasado Galicia organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España, segundo o balance realizado polo Injuve.

No total galego, na Campaña de verán toman parte 9.046 mozos e mozas, un 6 % máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico inviste 2,6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre monitores e directores de tempo libre.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

O Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre que se desenvolve do 11 ao 30 de xullo no Espazo Xove de Betanzos , no que están a asitir 25 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, para obter un título homologado pola Xunta de Galicia. Esta titulación oficial é expedira pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, sendo necesaria para exercer de monitor de campamentos ou actividades realizadas en albergues xuvenís.  Este Curso está a ser impartido pola Escola de Tempo Libre Querqus, que está regulada pola Lei de Xuventude de Galicia, que a define como centro de formación, perfeccionamento e especialización nas actividades e técnicas orientadas á promoción e axeitada utilización do ocio e do tempo libre.