José Manuel Rey Varela inaugura as Xornadas Galegas “Interactuando no tempo libre” no que participan 80 profesionais do eido

06 Mai 2016
  • Este encontro busca dar visibilidade ao traballo que desenvolven, así como ser un espazo de reflexión e debate sobre a importancia da educación non formal

20160506 173426O Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, inaugurou esta tarde as Xornadas galegas “Interactuando no tempo libre”, un foro no que participan 80 persoas de distintos perfís relacionados co ámbito do tempo libre como monitores e directores de tempo libre, educadores sociais, técnicos en animación sociocultural ou técnicos de xuventude. O evento desenvolveuse no albergue xuvenil de Gandarío e nel tamén participou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez.

O obxectivo desta xornada é dar visibilidade ao traballo que desenvolven os profesionais que traballan no eido do tempo libre en Galicia. Cómpre destacar que un total de 6.915 mozos e mozas conseguiron nos últimos catro anos o título oficial de director ou monitor de actividades de tempo libre homologado pola Xunta de Galicia. Do total de títulos, 6.487 foron de monitor e 428 de director.

Esta titulación oficial é expedida pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, sendo necesaria para exercer como monitor ou director de campamentos, campos de traballo ou actividades realizadas en albergues xuvenís. No total galego, están rexistradas un total de 73 escolas de tempo libre, 42 máis que no hai catro anos. Estas escolas, integradas na Rede de Escolas de Tempo Libre de Galicia, imparten as seguintes modalidades de ensino: cursos de primeiro nivel, cuxa titulación se corresponde coa de monitores ou monitoras de actividades de tempo libre e cursos de segundo nivel, cuxa titulación se corresponde coa de director ou directora de actividades de tempo libre e director ou directora de campos de traballo. Así mesmo, poderán impartir calquera outra formación correspondente ao seu ámbito de actuación no eido da xuventude.

Estes centros están agrupados na Rede de Escolas de Tempo Libre de Galicia e regulamentados pola Lei de Xuventude de Galicia, que as define como centros de formación, perfeccionamento e especialización nas actividades e técnicas orientadas á promoción da axeitada utilización do ocio e do tempo libre. Así mesmo, busca ser un espazo de reflexión e debate acerca da importancia da educación non formal como acción educativa e transformadora no eido do tempo libre. “Debemos achegar recursos para promover o diálogo, o intercambio de experiencias e a actualización de coñecementos entre os profesionais deste sector, para que nós como administración coñezamos as súas demandas, necesidades e retos para poder colaborar nas iniciativas que vaian xurdindo”, afirmou o conselleiro de Política Social.