A directora xeral de Xuventude fai entrega dos diplomas aos 31 finalistas do Programa de educación non formal 'Líderes de Futuro'

06 Mai 2016
  • Esta iniciativa estivo estruturada en dúas fases que buscaron o enriquecemento e o desenvolvemento de habilidades directivas, centradas no liderado, a motivación, a comunicación, a xestión de emocións e a organización propia e produtiva dos colaboradores
  • Cecilia Vázquez destacou a heteroxeneidade de perfís, xa que “permitiu unha gran retroalimentación de ideas dende puntos de vista moi diferentes, o que incrementou e potenciou as diferentes capacidades de cada un dos participantes”

imaxe lideres do futuroOs 31 mozos e mozas finalistas do programa formativo de educación non formal Líderes de Futuro, organizado pola Consellería de Política Social, recibiron hoxe os seus diplomas da man da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez. Os participantes, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, están inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil; ou ben son líderes de grupos xuvenís que participaron en proxectos de educación non formal; ou ben teñen emprendido algunha actividade profesional por conta propia no ano 2015.

A directora xeral destacou esta heteroxeneidade de perfís, xa que “permitiu unha gran retroalimentación de ideas dende puntos de vista moi diferentes, o que incrementou e potenciou as diferentes capacidades de cada un dos participantes”. Cecilia Vázquez tamén afirmou que “este programa ofreceu a oportunidade de mellorar de xeito individualizado as habilidades para ensaiar e liderar un proxecto que facilite a empregabilidade, a través do desenvolvemento de habilidades persoais e directivas”.

Líderes de Futuro estivo estruturado en dúas fases que buscaron o enriquecemento e o desenvolvemento de habilidades directivas, centradas no liderado, a motivación, a comunicación, a xestión de emocións e a organización propia e produtiva dos colaboradores.

A primeira fase abrangueu tres etapas nos meses de febreiro e marzo. A primeira delas, correspondeu ao seminario “Liderar na xuventude. Motivación para o éxito”, dividido en dúas sesións de catro horas. A segunda abrangueu tres obradoiros: “Sacar o máximo partido do meu estilo de comunicación”, “A xestión de emocións con intelixencia” e “A organización: sacando o máximo partido dos meus colaboradores e de min mesma/o”.

Durante o desenvolvemento destas etapas, fíxose unha avaliación sistemática e continua de cada participante e en función dos resultados, 25 deles pasaron á segunda fase do programa baseada na mentorización e coaching personalizado. Mediante esta actividade desenvolveron as habilidades adquiridas ao longo das sesións xa realizadas.

Os mentores acompañarán a cada alumno na consecución dos seus obxectivos particulares, axudándolles a planificar os seus pasos e completar o camiño de mellora e crecemento profesional. Este proceso facilitou a aprendizaxe dos participantes e promoveu cambios cognitivos, emocionais e de conduta. Estas sesións de coaching personalizado tiveron lugar no mes de abril e na primeira semana de maio.