A directora xeral de Participación pecha a rolda de encontros cos mozos e mozas que ampliaron as súas experiencias sociais e laborais a través de programas de xuventude

22 Abr 2016

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, mantivo hoxe en Ourense unha xuntanza de traballo cos mozos e mozas que participaron ao longo de 2015 nos diferentes programas postos en marcha pola Dirección Xeral, entre eles, Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil, Galeuropa ou Deseñando o teu futuro. O encontro tivo lugar no Espazo Xove da cidade, e nel participaron rapaces e rapazas procedentes de toda a provincia.

Esta iniciativa ten como obxectivo recoller as súas conclusións á hora de participar nos diferentes programas, co fin de coñecer as súas suxestións, queixas ou dúbidas para recollelas e así poder mellorar as prestacións dos recursos que a Dirección Xeral programa para os mozos e mozas de Galicia. Cecilia Vázquez explicou na xuntanza que “estas reunións forman parte das accións de participación da mocidade nos temas do seu interese, xa que consideramos prioritario que tomen parte activa e se impliquen ao máximo nos plans de futuro e no desenvolvemento da programación desta administración”.

Ademais, Cecilia Vázquez tamén mantivo unha encontro con concelleiros de xuventude da provincia ourensá, co obxectivo de coordinar e mellorar as políticas de mocidade que se prestan de xeito conxunto entre os concellos e a administración autonómica e de presentar a programación da Dirección Xeral para 2016.

Entre os meses de febreiro e abril, Cecilia Vázquez mantivo un total de 14 encontros con mozos e mozas de toda Galicia así como con responsables de xuventude dos concellos. As xuntanzas celebráronse en Chantada, Lugo, Noia, Melide, Ferrol, Coruña, Lalín, Vilagarcía, Pontevedra, Santiago, Vigo, Carballo, Betanzos e Ourense.