A directora xeral de Xuventude recolle as ideas dos mozos e mozas participantes nos programas de Xuventude en Betanzos co obxectivo de mellorar as actuacións no eido da mocidade

20 Abr 2016
  • Cecilia Vázquez tamén se entrevistou con concelleiros de xuventude desta comarca para coordinar as políticas entre administracións

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, mantivo hoxe en Betanzos unha xuntanza de traballo cos mozos e mozas que participaron ao longo de 2015 nos diferentes programas postos en marcha pola Dirección Xeral, entre eles, Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil, Galeuropa ou Deseñando o teu futuro. O encontro tivo lugar no Espazo Xove da localidade e nel participaron rapaces e rapazas procedentes da comarca de Betanzos.

Esta iniciativa ten como obxectivo recoller as súas conclusións á hora de participar nos diferentes programas, co fin de coñecer as súas suxestións, queixas ou dúbidas para recollelas e así poder mellorar as prestacións dos recursos que a Dirección Xeral programa para os mozos e mozas de Galicia. Cecilia Vázquez explicou na xuntanza que “estas reunións forman parte das accións de participación da mocidade nos temas do seu interese, xa que consideramos prioritario que tomen parte activa e se impliquen ao máximo nos plans de futuro e no desenvolvemento da programación desta administración”.

Ademais, Cecilia Vázquez tamén mantivo unha encontro con concelleiros de xuventude desta comarca, co obxectivo de coordinar e mellorar as políticas de mocidade que se prestan de xeito conxunto entre os concellos e a administración autonómica, e de presentar a programación da Dirección Xeral para 2016.

Entre os meses de febreiro e abril, Cecilia Vázquez está a manter un total de 14 encontros con mozos e mozas de toda Galicia así como cos responsables de xuventude dos concellos. As xuntanzas xa se celebraron en Chantada, Lugo, Noia, Melide, Ferrol, A Coruña, Lalín, Vilagarcía, Pontevedra, Santiago, Vigo, Carballo e Betanzos. A vindeira e última reunión terá lugar mañá xoves en Ourense.