A nova edición de Xuventude.Novas leva á súa portada o proxecto ‘Carmeliña’, unha fotonovela creada por un equipo dirixido por Alberto Ardid e que contou co apoio do programa Iniciativa Xove, da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado. O traballo supón recuperar un xénero que estaba en desuso. Cunha perspectiva moi creativa e cun resultado de elevada calidade, reflicte o conflicto social e sobre todo o choque cultural que supuxo a chegada dos primeiros nudistas á zona do Morrazo.
Sen abandonar os contidos relacionados coa creatividade xuvenil, o boletín interactivo da dirección xeral ofrece tamén unha entrevista con Brais Rodríguez Trigo, o gañador do certame Xuventude Crea na súa categoría de graffiti. Rodríguez explica algunhas características de ‘Estilo Salvaxe’, o traballo co que gañou, comenta a crecente valoración social desta modalidade artística e reflexiona sobre o graffiti, que para el debe manter a súa condición de “ilegal”.
Outro contido destacado deste número é unha reportaxe sobre o Laboratorio de Radio impulsado por dous xóvenes xornalistas desde a comarca de Betanzos. En centros educativos e en instalación como o Espazo Xove betanceiro, desenvolven clases e obradoiros para que os máis novos aprendan a elaborar programas radiofónicos e á vez descubran a que chaman ‘radio de contido’, da que perciben que cada vez ten menos oíntes xóvenes. A experiencia destaca pola súa boa acollida e os resultados, coa rápida asimilación da linguaxe radiofónica por parte dos participantes.
A victoria no certame de emprendemento Yuzz dos galegos Adrián Canedo e Víctor Álvarez tamén merece un espazo destacado nesta edición. O seu proxecto Situm, que facilita a localización en interiores con teléfonos móbiles e que ten interesantes aplicacións en centros comerciais e en infraestruturas públicas, recibe 30.000 euros. Con esta contía, poderán dar novos pasos como iniciativa empresarial.
Por último, o Xuventude.Novas detalla algúns dos beneficios que terá o novo programa de garantía xuvenil, asinado pola Xunta e os axentes sociais. Suporá o investimento de 48,8 millóns de euros e favorecerá a empregabilidade de mozos e mozas de entre 16 e 25 anos, con medidas de formación, apoios á consecución de experiencia laboral e incentivos á contratación, ás altas como autónomos e á incorporación xuvenil a proxectos cooperativos.
A habitual axenda de espectáculos e de actuacións musicais por toda Galicia para as vindeiras semanas completa esta edición.
Xuventude.Novas de xaneiro de 2015
Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.