O número de outubro de Xuventude.Novas, o boletín interactivo da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, dedica boa parte do seu espazo ao concurso artístico Xuventude Crea, que xa está decidindo os seus gañadores. Ademais de dar conta do proceso, que este sábado 1 permitirá ver a final de graffiti e o mércores 5 de novembro escoitar de balde aos seis finalistas na especialidade de música, ofrece unha entrevista con Xulia Vicente, gañadora na categoría de banda deseñada. Vicente explica que o cómic ten moito presente e tampouco carece de futuro, ao adaptarse perfectamente aos novos soportes tecnolóxicos.
Nesta edición inclúense tamén dúas reportaxes sobre outros tantos proxectos da Iniciativa Xove, desenvoltos nos últimos días. Un é o que acometeu o grupo Green Hope, na contorna de Vigo, traballando con persoas con autismo da Fundación Menela. Deseñaron un programa de actividades de tempo libre co que romper a súa rutina e facilitar as súas posibilidades de integración social. O outro é o Laboratorio Teatral de Vedra (A Coruña) organizado polo grupo Vedramáticos. Aglutinou uns trinta xóvenes para poñer sobre o escenario unha pequena peza teatral con todos os seus elementos en dúas fins de semana. Todo un máster expreso de artes escénicas.
Xuventude.Novas incorpora ademais como contido destacado unha das súas habituais propostas de viaxe. Nesta ocasión, o destino escollido é Uruguai. Trátase dunha suxerencia oportuna para unhas vacacións de inverno, aproveitando que no outro hemisferio alí é verán. Desde as praias de Montevideo ata o casco histórico de Colonia de Sacramento, sen deixar de lado as propostas de termalismo (incluso parques acuáticos termais) e de aventura na natureza, a reportaxe ofrece unha serie de pinceladas para facernos unha idea de como podería ser unha visita ao país sudamericano.
Outro espazo queda reservado para as aplicacións de mensaxería instantánea e efímera, nas que as mensaxes, fotografías e vídeos que se envían se autodestrúen en cuestión de segundos desde que o destinatario as ve. Non queda constancia deses contidos en ningures, o que fai útiles estas app para mensaxes confidenciais ou contidos informais. Eso si, hai que usar estas ferramentas coa mesma prudencia que calquera outra rede social, xa que son vulnerables: toda app ten unha anti-app.
Unha completa axenda de actuacións musicais por toda Galicia para as vindeiras semanas completa esta edición de Xuventude.Novas.
Xuventude.Novas de outubro de 2014
Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.