Xuventude.Novas entrevista o grupo Paracetamol e recompila as apps para móbiles máis extravagantes

01 Out 2014

portada_okO boletín interactivo da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, Xuventude.Novas, ofrece na súa edición de setembro unha entrevista co grupo de música punk pop Paracetamol, creado por tres amigos co propósito de divertirse. O paso dos mese derivou na publicación dun disco (Enfermedades Comunes), nunha axenda cargada de actuacións e sobre todo en que a diversión chegou tamén a un público cada vez máis numeroso. Na entrevista contan a súa experiencia no eido da música, da que non viven e na que confesan que lles queda bastante que aprender. Precisamente é un dos aspectos que máis os motivan a continuar.

Xuventude.Novas inclúe ademais unha reportaxe con algunhas das aplicacións máis extravagantes disponibles para os chamados teléfonos móbiles intelixentes. Desde averiguar se o melón do súper está maduro ata calcular o día do falecemento do usuario, esta serie de apps ben poderían competir por ver cal é a maior parvada. Pero a miúdo son tamén un negocio porque, aínda sendo de balde para quen as descarga, ás veces funcionan como soporte publicitario.

Con todo, o principal titular da portada deste número dedícase á orde que está preparando a Consellería de Traballo e Benestar para recoñecer e homologar a participación en proxectos de educación non formal. Esta norma, que será pioneira en España, permitirá contar cun certificado oficial co que se acreditarán as competencias e habilidades adquiridas nos currículos. A intención é que eses coñecementos, complementarios aos da educación non regulada e moi valorados na actualidade para o acceso ao mercado laboral, teñan un cauce co que mellorar a empregabilidade xuvenil.  

Outros contidos destacados deste mes son as reportaxes sobre dous proxectos do programa Iniciativa Xove. Un é o impulsado polo grupo Ruela, en Vigo, para levar a escea unha representación teatral con persoas que padecen algún tipo de discapacidade mental. Esta actividade complementouse con sesión de equinoterapia. O fin é acadar a integración social do colectivo, mediante o reforzo da súa autonomía e da súa autoestima. A segunda Iniciativa Xove da que se informe nesta edición é a que acometeu o grupo ‘Flashback’ no municipio coruñés de Lousame. Consistiu nun programa de actividades co que trataron de recuperar tradicións da zona e darlle un novo pulo a todo ese patrimonio inmaterial, implicando a xuventude da zona.

Por outra parte, Xuventude.Novas reserva espazo para outra reportaxe sobre o campo de traballo Dragal, que durante este verán realzou o valor histórico e cultural da zona do Pico Sacro, en Boqueixón (A Coruña). A habitual axenda de concertos e actuacións para as vindeiras semanas en toda Galicia completan esta edición de Xuventude.Novas.

Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.

Xuventude.Novas de setembro de 2014