Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia

03 Xun 2014

logoXUVENTUDENo DOG do 28 de maio de 2014 publícase o Regulamento do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.

O Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia terá os seguintes fins:

a) Representar a xuventude galega a través da súa condición de membro de pleno dereito no Comité Galego de Políticas de Xuventude.
b) Emitir os informes que afecten a xuventude e lle sexan solicitados polo Comité Galego de Políticas de Xuventude ou polo órgano de dirección competente en materia de xuventude.
c) Emitir informe sobre o impacto na xuventude dos proxectos de disposicións normativas promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que afecten a mocidade.
d) Analizar, con carácter permanente, a situación da xuventude en Galicia, facilitando así a toma de decisións, e especialmente as problemáticas que incidan maiormente na xuventude galega, a través do Observatorio Galego da Xuventude.
e) Elevar anualmente ao Parlamento unha memoria en que se reflicta a situación da xuventude como grupo social e, ao tempo, propoñer as medidas legais que xulgue necesarias.
f) Contribuír á institucionalización do movemento asociativo xuvenil de Galicia, consolidando, por un lado, o xa existente e, por outro, promovendo a creación de asociacións xuvenís de distinta natureza.
g) Garantir a participación activa e dinámica da xuventude en todas as ordes da vida social, educativa, laboral, política, económica, deportiva, de lecer, de tempo libre e cultural de Galicia.
h) Representar a xuventude de Galicia no Consello da Xuventude de España, así como noutros organismos de ámbito estatal, europeo e internacional dos que poida ser membro, participando así na articulación das políticas de xuventude nos distintos niveis.
i) Establecer relacións de cooperación e colaboración con outros consellos da xuventude do Estado.
j) Elevar propostas de acción á consellería competente en materia de xuventude.
k) Defender os intereses da xuventude presentando ante os organismos públicos e privados correspondentes as medidas tendentes a facer efectivos os intereses que corresponden á xuventude.


Texto completo do Regulamento do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia.