Xuventude.Novas entrevista os gañadores do Parlamento Xove 2014

30 Abr 2014

portadaabril2014Xuventude.Novas, a revista dixital da dirección xeral de Xuventude, entrevista no seu novo número os gañadores do certame de debate  Parlamento Xove, que celebrou a súa final a pasada fin de semana. O equipo gañador na categoría da ESO, do IES A Pinguela de Monforte, que se estreaba este ano e xa quere repetir, afirma que o fundamental é ir con seguridade aos debates e argumentar con convicción e naturalidade.
Na categoría de Bacharelato, os vencedores, do Colexio La Salle de Santiago, explican que a final estivo moi equilibrada e que "puido gañar calquera", dado que a diferencia foi como moito "nun detalle, unha frase ou unha palabra" enunciadas no momento oportuno.

Ademais de ofrecer novos detalles sobre o Plan de Xuventude 2014-2016, que suma máis de 340 millóns de euros en recursos, Xuventude.Novas difunde nesta edición as principais características da convocatoria da Iniciativa Xove para 2014, que ten aberto o prazo de presentación de proxectos ata o vindeiro 15 de maio. Tamén ofrece unha reportaxe sobre o 'Rural Play and Dance', un proxecto de cultura urbana acometido no municipio coruñés da Baña ao abeiro deste programa por parte do grupo informal 'A Mocidade non Stop'.

A publicación recolle neste mes unha entrevista coa Asociación Cultural A Panadaría, gañadora do certame Xuventude Crea na modalidade de teatro. A entidade, composta por tres actrices, resalta as grandes posibilidades imaxinativas desta arte e anuncia que teñen a intención de dar o salto ao mundo profesional. En agosto prepararán un novo espectáculo, e con "Pan! Pan!", a función gañadora do certame creativo de Xuventude, teñen unha ampla axenda derepresentacións ata fin de ano.

Outra das reportaxes deste Xuventude.Novas dá conta do auxe da tendencia 'slow fashion', que promove un consumo máis racional e ético no eido da moda. Hai uns días este movemento celebrou o seu día e Vigo foi unha das doce cidades españolas nas que se desenvolveron actividades con ese propósito.

A reseña da entrega dos premios do concurso 'Lingua de Namorar' e a habitual axenda de concertos, actuacións e espectáculos musicais completan o novo número de Xuventude.Novas.

Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf envez de abrilo noutra pestana.

Podes descargar o Xuventude Novas en pdf