De viaxe a Taiwán co Xuventude.Novas, que detalla a Acción de Verán e entrevista á gañadora do Xuventude Crea de deseño de xoias

01 Abr 2014

portada_marzoO boletín interactivo da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, Xuventude.Novas, ofrece na súa edición de febreiro a información en detalle sobre a campaña Acción de Verán 14, que xa ten aberto ata o 10 de abril o prazo para solicitar praza nos campamentos de verán e que nas vindeiras semanas convocará tamén as actividades para maiores de idade e os campos de traballo. En total, son 8.268 prazas, cun incremento do 2,7% en comparación con 2013. A campaña moviliza un investimento de 2,3 millóns de euros e propicia máis de 900 contratacións.

Ademais, Xuventude.Novas dá conta dos programas de mobilidade da dirección xeral. Galeuropa, Eurogal e La Ida benefician neste exercicio un total de 350 mozos e mozas, que con estas iniciativas poderán adquirir novos coñecementos, aprender idiomas, ver outros xeitos de organización do traballo ou mellorar as destrezas persoais, recursos todos que favorecerán a súa empregabilidade.

A edición deste mes reservou dúas páxinas para unha nova entrevista con artistas que recibiron primeiros premios no certame Xuventude Crea 2013. Nesta ocasión, a conversa é con Marta García Arcos, gañadora do concurso na especialidade de deseño de xoias. Cunha envexable traxectoria neste eido, García Arcos apreza a relación das xoias cos sentimentos e as emocións de quen as elabora e de quen as utiliza, explica as tendencias actuais en xoiería e desmitifica os vínculos desta arte co luxo e a ostentación.

Outro espazo destacado do Xuventude.Novas é para a reportaxe viaxeira. O destino escollido neste número é Taiwán. A illa, que os portugueses bautizaran como ‘Formosa’ na súa etapa colonial, é unha magnífica alternativa para coñecer a cultura oriental e o xeito en que esta convive coa modernidade tecnolóxica que caracteriza o país. A reportaxe dá algúns apuntamentos sobre o patrimonio histórico e natural, a gastronomía e a artesanía do país.

 A publicación complétase con outra reportaxe sobre a Iniciativa Xove ‘Socialízate’, acometida por un grupo informal en Ourense para favorecer a interrelación da comunidade universitaria e da sociedade en xeral. Mediante actividades tan convencionais como a calceta ou a repostería, favoreceron os encontros entre persoas. Noutra páxina, Xuventude.Novas repasa as mensaxes premiadas no certame ‘Lingua de Namorar’. E tampouco falta a habitual axenda de actuacións e concertos, cada vez máis intensa coa chegada dos meses de bo tempo.

Descarga o PDF de Xuventude.Novas

 Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.