O boletín interactivo da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, Xuventude.Novas, inclúe no seu primeiro número de 2014 entrevistas con Andrea Valado e Manuela Elisabeth Rodríguez, as respectivas gañadoras do certame Xuventude Crea nas categorías de carteis e de videocreación. Esta publicación continúa así debullando os gañadores do concurso, que volveu demostrar o gran talento creativo da mocidade galega. Valado destaca a importancia das boas ideas para innovar e Rodríguez considera fundamental que nas obras artísticas non deixe de percibirse a pegada particular de cada autor.
Ademais, Xuventude.Novas ofrece unha reportaxe sobre o proxecto acometido pola Asociación Xuvenil e Cultural Ateibo no marco da Iniciativa Xove. Trátase dun conxunto de iniciativas desta entidade de Lugo para crear espazos de encontro xuvenil no tempo de lecer. Nas súas diferentes propostas participan máis de 155 persoas de entre 12 e 35 anos. A programación inclúe opcións para cada tramo de idade, un local que poden utilizar os xóvenes, supervisado por animadores, e formación continua para preanimadores e animadores. Todo elo dentro dunha clara aposta por incentivar a participación e o voluntariado xuvenil, con ferramentas tan útiles como a educación non formal.
Esta edición dedícalle o seu principal titular da portada á nova Estratexia de Xuventude 2014-2016, que podería ser aprobada polo Consello da Xunta antes da Semana Santa, unha vez culminado o seu proceso de elaboración, caracterizado por unha elevada participación e a recollida de todo tipo de suxestións por parte das persoas e entidades que traballan no ámbito da Xuventude. O obxectivo é manter e incrementar os resultados satisfactorios que lograron as políticas transversais para a mocidade coa anterior Estratexia 2010-2013.
Xuventude.Novas reserva igualmente un espazo para dar conta do novo programa Aval Xóvenes. Trátase dun proxecto que trata de apoiar e garantir as iniciativas de autoemprego e emprendemento de 50 xóvenes en ámbitos rurais. As súas dúas sedes son Coristanco e Melide. É unha das só quince propostas aprobadas en toda Europa no marco dun programa de garantía xuvenil da Unión Europea.
A habitual axenda de concertos e actuacións musicais para as vindeiras semanas, complementada nesta ocasión coa reseña dos primeiros certames musicais que se convocan en 2014, completan esta edición de Xuventude.Novas.
Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo pdf en vez de abrilo noutra pestana.
Descarga o PDF de Xuventude Novas