Xuventude Novas deste mes de Xullo

31 Xul 2013

Xuventude.Novas entrevista á ourensá Laura León, gañadora do premio ‘Jóvenes Emprendedores’ da EOI portada43xullo

O boletín interactivo da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, Xuventude.Novas, inclúe na súa edición deste mes unha entrevista coa moza ourensá Laura León, recentemente distinguida co premio ‘Jóvenes Emprendedores’ da Escola de Organización Industrial (EOI). León presentou un proxecto de formulación e subministración de fármacos, aplicable por exemplo en acuicultura. Licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago, é unha iniciativa vinculada á súa tese doutoral que aspira a converter nunha realidade empresarial. León ten claro que o emprendemento ten riscos, pero é moi necesario para reactivar a economía.

 Este número de Xuventude.Novas ofrece, xusto antes da habitual axenda de actuacións musicais para as vindeiras semanas, unha entrevista co grupo Guezos, que dentro duns meses cumprirá quince anos e que evolucionou desde o folk tradicional a un estilo máis ecléctico, coa incorporación de moi diversos estilos. O seu proxecto a medio prazo é gravar un disco en directo. As actuacións gústanlles, pero lamentan que o circuíto musical non ofreza oportunidades abondo.

 Polo demais, a revista dixital da dirección xeral de Xuventude contén unha reportaxe sobre o ‘Foto Roteiro en Lousame’, actividade que contou co apoio do programa Iniciativa Xove e que con obradoiros, roteiros, concursos e exposicións logrou implicar a mocidade da zona vinculando a disciplina fotográfica co rico patrimonio natural e paisaxístico da súa contorna.

 Unha reportaxe sobre os campamentos de verán, que estes días viven os momentos de maior actividade, e outra sobre a Guía de Verán 2013 editada por Xuventude, xunto coas últimas noticias dos programas Xuventude en Acción, Galeuropa e Conecta Galicia, completan este número de Xuventude.Novas.

 Nota: para unha correcta visualización en determinados navegadores de internet, recomendamos descargar o arquivo en vez de abrilo noutra pestana

Podes decargar tamen premendo aqui o PDF do Xuventude.Novas