Nova entrada en Proxector: O cine, acción da ficción

06 Mar 2024

Proxector é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais en lingua galega de apoio a docentes e estudantes de ensino medio, bacharelato e ensino universitario. Na actualidade, conta con 1.544 materiais publicados dunha manchea de áreas temáticas diferentes.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregábeis, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.

O cine, acción da ficción é o título do novo especial do portal divulgativo Proxector, especial adicado á sétima da arte e “en lembranza da presentación do cinematógrafo por estas mesmas datas en 1895, e tamén como escaparate do puxante cinema galego na actualidade”. Trátase de dez pezas audiovisuais que nos falan dos procesos técnicos e creativos, da accesibilidade, a dobraxe ou o poder da mensaxe, tamén a nivel científico.

O especial contextualízase en dúas datas clave: por unha banda, a do 28 de marzo de 1895, en París, cando os irmáns Lumière presentaron ao público o seu cinematógrafo; e nalgún punto de 1897, cando o aparello chega a Pontevedra, nunha xira que continuou por Vigo, Tui, A Coruña, Ferrol e Lugo.

https://consellodacultura.gal/especiais/proxector/especial.php?t=10492