Escola de Empoderamento

04 Mar 2024

Aventeira organiza este itinerario, composto por tres módulos independentes, para aprender a poñer en marcha a participación con voces expertas e experiencias reais en diversos contextos, tipoloxías e territorios.

Requisitos
Esta formación está dirixida a persoal técnico, profesional ou voluntario, de dinamización infantil e xuvenil entidades públicas, colectivos sociais ou outros contextos socioeducativos onde se pretenda introducir ou mellorar a participación.

Contidos dos cursos
Módulo 1: Educando para participar: impulsando a iniciativa infantil e xuvenil
Falaremos da importancia pedagóxica da participación infantil e de como crear cultura de participación, co exemplo da pedagoxía do proxecto. Tamén coñeceremos exemplos de iniciativas e proxectos de participación infantil e xuvenil tanto na escala local como no marco da Unión Europea.
Datas: 9-10 de marzo

Módulo 2: Participación infanto-xuvenil en políticas públicas
Contextualizaremos a realidade da participación política nas institucións públicas e coñeceremos de primeira man exemplos e boas prácticas de Consellos da Infancia e Consellos da Xuventude en diferentes ámbitos, dende o rural galego a consellos autonómicos de diferentes territorios do Estado.
Datas: 27-28 de abril

Módulo 3: O ocio e o tempo libre como espazo de participación
Valoraremos os niveis de participación real da rapazada en campamentos e outros espazos de lecer educativo, e compartiremos metodoloxías, dinámicas ou experiencias para facer esta participación máis posible. Tamén descubriremos iniciativas de ocio autoxestionado por mozos e mozas.
Datas: 11-12 de maio

Ao longo destas tres fins de semana a formación dará comezo ás 12:00 do sábado e rematará ás 18:00 o domingo no albergue Aldea Nova  (Narón, A Coruña).

Esta formación é gratuíta. A participación no curso inclúe aloxamento e manutención ao longo da duración do mesmo.

A inscrición debe realizarse unha semana antes da celebración de cada curso. A partir desta data só entrarán solicitudes en caso de haber prazas sen cubrir.

Máis información
https://aventeira.com
Inscrición