Div@s na rúa. A moda no século XXI

14 Feb 2024

O Centro Galego de ArtE Contemporánea, CGAC, organiza o curso Div@s na rúa. A moda no século XXI

A cultura contemporánea abrangue un amplo espectro de teimas que aparecen mesturadas baixo o poder da imaxe nos medios de comunicación.

O mundo do pop-rock e do techno, a arte manga, a cultura do hip-hop, a intelixencia artificial e a tecnoloxía constrúen uns universos estéticos onde a fronteira entre realidade e a invención se esvaece.

Os ídolos dos medios de comunicación de masas están moi presentes nas nosas vidas, chégannos continuamente a través de canles e soportes moi diversos e a súa proximidade é tal que nos sentimos compelidos a vestir e a actuar coma eles.

As artes, as modas, as culturas contemporáneas fan parte de nós. Desde a creación da MTV e a popularización dos vídeos musicais que mataron a estrela da radio, ata a recente irrupción da intelixencia artificial e do metaverso, o certo é que nós xa non somos nós.

Desde a costura de Azzedine Alaïa, Thierry Mugler e Kansai Yamamoto ata a cor rosa de Valentino ou o spray-on dress de Coperni, nós xa non somos nós.

Desde Karl Lagerfeld en Chanel ata Demna Gvasalia en Balenciaga, desde Yayoi Kusama e Virgil Abloh en Louis Vuitton ata Barbie en Zara e Manu Ríos en Loewe, nós xa non somos nós.

Este curso debuxa o pasado, o presente e o futuro das culturas contemporáneas e das modas, ao tempo que transita pola fina liña que separa o divismo na arte do divismo na rúa.

Programa:
16 de abril. Cultura contemporánea. Ao bordo do baleiro. Cando o mundo xira cara a un discurso de indiferenza, eterna sedución, violencia das imaxes e narcisismo. Revistas e desfiles. A era do baleiro

23 de abril. Primeiro a forma, logo a función. Cando as formas retóricas quebran o racionalismo da función. Posmodernismo. Os imperios efémeros. Xuntanzas de arquitectos para cambiar o mundo e imaxes en movemento

30 de abril. Visión e son. É o espectáculo da moda. Estrelas no night club, da pantalla global e da pasarela. O prêt-à-porter e o feito internacional

7 de maio. A conversión estética do planeta. As sombras das vangardas. As proxeccións das interpretacións. A cuestión global. Hipermodernidade

21 de maio. Hiperobxecto, sneakers e hip-hop. Gustar e emocionar. A sociedade da conciencia

28 de maio. Decepcionadas e lixeiras. O valor absoluto da imaxe no corpo. Tatuaxes e roupas sensacionais. O consumo é o rei. Divas das artes e das rúas

Inscrición:
O prazo de inscrición estará aberto ata o 12 de abril de 2024. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal.

https://cgac.xunta.gal/gl/actividades/divs-na-rua-moda-no-seculo-xxi