Formación en linguas estranxeiras en Canadá, Reino Unido, Portugal, Francia e Alemaña

12 Feb 2024

A Xunta de Galicia convoca 645 axudas para realizar as actividades de formación en linguas estraxeiras.

Os idiomas que se convocan son inglés en Canadá, inglés no Reino Unido, francés en Francia, portugués en Portugal e alemán en Alemaña.

O período de realización destas actividades comprenderá desde a primeira semana do mes de xullo ata finais do mes de agosto de 2024, coa excepción das actividades para o 2º curso de bacharelato, que se desenvolverán no mes de agosto.

Requisitos:
a) Estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2023/24, na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2022/23.
c) Ter acadado no curso 2022/23, na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía, unha cualificación mínima de 6 no 4º curso de ensinanza secundaria obrigatoria para as prazas convocadas para o 1º curso de bacharelato e de 6 no 1º curso de bacharelato para as prazas convocadas para o 2º curso de bacharelato.

O custo total de cada actividade inclúe:
a) No caso das actividades que se van realizar, os gastos da viaxe desde o punto de saída dos distintos grupos.
b) Os monitores ou as monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.
c) Os gastos de docencia e o material escolar.
d) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.
e) Os gastos de mantenza e aloxamento.
f) O certificado de realización da actividade.
g) O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Criterios de puntuación:
1º. Nota media do expediente no curso 2022/23: ata 10 puntos.
2º. Renda per cápita da unidade familiar: ata 20 puntos.
3º. Pertenza a familia numerosa: 2 puntos.
4º. Discapacidade igual ou superior ao 33 % ou pensionista da Seguridade Social por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez ou a equivalente de clases pasivas dalgún membro da unidade familiar en primeiro grao: 2 puntos.
5º. Non ter sido beneficiario desta axuda no ano 2023: 1 punto.

As solicitudes poden tramitarse de https://sede.xunta.es co procedemento ED504B
O prazo para presentar solicitudes estrará aberto ata o 12 de marzo de 2024.
Máis información no DOG do 12 de febreiro de 2024 en http://www.edu.xunta.es/axudasle