"A Deputación Escoita"

07 Feb 2024

A Deputación de Ourense convoca a I edición do concurso "A Deputación Escoita".

Neste concurso poderán participar estudantes dos centros educativos da provincia de Ourense, que cursan en 2023-2024, o curso de 2º de bacharelato en calquera das súas modalidades.

Modalidades do concurso:

1. Mozos/as emprendedores/as: nesta modalidade a mocidade participante deberá presentar un deseño dun logo para o proxecto “A Deputación Escoita”, destinado a ser a imaxe corporativa deste proxecto. Cada participante poderá presentar unha única proposta nesta modalidade, que deberá ser un elemento gráfico, orixinal e inédito, que identifique e garde relación co proxecto “A Deputación Escoita”.
Este logotipo poderá ser presentado tanto en color como en branco e negro, e preferiblemente en formato .jpg

2. Un futuro para Ourense: nesta modalidade a mocidade participante deberá presentar un documento de propostas, demandas ou iniciativas que melloren a nosa provincia e as condicións de vida da mocidade, e que fomenten a súa permanencia no noso territorio, tanto para aqueles que desexen cursar estudos superiores como para aqueles que pretenden a súa incorporación ao mercado laboral.
O documento deberá ser presentado en formato de calquera procesador de textos que permita a súa visualización nun entorno de Windows, e nel poden incluírse imaxes, gráficos ou outros elementos que enriquezan a proposta. Establécese un espazo máximo de 5 follas.

Premios:
Na modalidade de Mozos/as emprendedores/as, as 5 mellores propostas serán premiadas con dúas entradas para cada un/unha dos/as cinco autores/as seleccionados/as para o concerto do artista Ed Sheeran programado para o día 6 de xullo de 2024, no Monte do Gozo de Santiago de Compostela.
Na modalidade Un futuro para Ourense, o xurado seleccionará as 5 mellores propostas, que serán premiadas con dúas entradas para cada un/unha dos/as cinco autores/as seleccionados/as para o Festival O Son do Camiño, programado para os días 30, 31 de maio e 1 de xuño de 2024, no Monte do Gozo de Santiago de Compostela.

O prazo de participación estará aberto ata o 30 de abril de 2024.
Máis información: https://www.depourense.gal/actualidade/8524