Galiciencia 2024

23 Xan 2024

Galiciencia, a feira científica promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), abriu o prazo para que os centros interesados se inscriban e vaian presentando os seus proxectos; poderán facelo ata o 18 de marzo a través da web da feira.

O obxectivo da nova edición e é novamente achegar o universo STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Educación Especial, Secundaria, FP e Bacharelato.

Esta 19ª convocatoria celebrarase os días 8, 9 e 10 de maio, en formato presencial e tamén en liña.

A temática elixida é Mellor, de Madeira, un material que o Parque quere promover de xeito particular, en liña cos seus obxectivos de desenvolvemento sustentábel. Así, na feira porase de relevo a importancia da madeira como material respectuoso co medio, con múltiples beneficios para o noso planeta por ser un produto renovábel, biodegradábel e cunha ampla variedade de aplicacións en eidos diversos como a construción e a fabricación.

Na modalidade presencial poden presentarse dous proxectos por centro educativo de Secundaria, Bacharelato e FP; que serán os que finalmente compitan polos premios de Galiciencia. No caso da modalidade online non hai límite de proxectos.

Premios
O primeiro premio está dotado con 1.000 euros, para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.
O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao.
O equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Así mesmo, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto englobado dentro da temática Mellor, de Madeira, así como o proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i. Haberá tamén un premio especial para a mellor proposta na categoría de FP. E galardoarase o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participen en liña.

Como nas anteriores edicións, Galiciencia contará cun concurso de deseño da camiseta oficial, concurso de fotografía e un desafío científico

Concurso de deseño da camiseta oficial
Ademais, o alumnado de Primaria de toda Galicia poderá participar no concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2024. O prazo estará aberto tamén ata o 18 de marzo. O alumnado interesado deberán enviar un correo electrónico cos seus deseños escaneados ao enderezo galiciencia@tecnopole.gal ou presentar os orixinais na recepción do Parque Tecnolóxico de Galicia. https://galiciencia.com/edicion-2024/#camiseta

Concurso de fotografía a través de Instagram. Neste caso o prazo para presentarse remata o 15 de abril e diríxese tanto ao alumnado como ao profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España. https://galiciencia.com/edicion-2024/#fotografia

Desafío científico Mellor de Madeira!
O alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia poderá participar no Desafío Científico Mellor, de Madeira! Consta dunha primeira fase online con tres retos. Para participar no primeiro reto será preciso inscribirse ata o 19 de febreiro a través da páxina web https://atrevete.galiciencia.com/

https://galiciencia.com/edicion-2024/