Axudas ás persoas traballadoras autónomas

22 Xan 2024

A Xunta de Galicia convoca axudas ás persoas traballadoras autónomas a través dos seguintes programas:

Bono das persoas autónomas
Programa Nova oportunidade para as persoas traballadoras autónomas

Bono das persoas autónomas:

1. Persoas traballadoras autónomas de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que na data da solicitude teñan o domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos computados desde a data da solicitude, na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.
b) Que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual referida ao ano 2022, inferior a 50.000 euros.
c) Que teñan unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2022.

2. Sociedades de calquera clase, incluídas as unipersonais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional, e que a dita sociedade non fora beneficiaria nin percibira esta axuda nalgunha das cinco últimas cinco convocatorias (2019-2023 ambas incluídas)

No suposto de persoas autónomas administradoras, terán a consideración de autónomo societario se forman parte da sociedade nunha porcentaxe superior ao 25 % da súas participacións ou do 33 % do seu capital, o que deberán acreditar fidedignamente mediante escritura notarial.

b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído na declaración referida ao ano 2022.

c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2022 inferior a 50.000 euros

As solicitudes presentaranse en https://sede.xunta.gal co formulario TR341Q
O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 29 de xaneiro de 2024 e remata o 30 de setembro de 2024.


Programa Nova oportunidade para as persoas traballadoras autónomas

Poderán solicitalo as persoas autónomas que teñan sido autónomas con anterioridade, que queren volver emprender, e cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter causado alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 31 de outubro de 2023 ao 30 de outubro de 2024, e atoparse de alta no momento da solicitude.

b) Ter a última alta no RETA antes desta nova alta, dentro dos últimos 3 anos.

c) Ter cotizado anteriormente a esta nova alta polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

d) Estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo á nova alta e carecer de ocupación efectiva, non ter contrato laboral en vigor e atoparse en tal situación na data inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral, mantendo a alta no RETA no momento da tramitación e durante un tempo mínimo de 24 meses desde a nova alta.

e) Transcorrer un período mínimo de seis meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.

f) Ter o domicilio fiscal en algún concello de Galicia, con anterioridade á nova alta, e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.

g) Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.

h) Ter dado a baixa no imposto de actividades económicas da actividade precedente.

As solicitudes presentaranse en https://sede.xunta.gal co formulario TR790A
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de outubro de 2024.

Máis información no DOG do 22 de xaneiro de 2024 e en https://polosemprendemento.gal/