Axudas para cursos de idiomas durante o verán

09 Xan 2024

A Xunta de Galicia convoca axudas económicas para estadías noutros países co obxecto de coñecer a súa lingua durante o verán de 2024.

Datas: as actividades para as que se solicita a axuda terán que ser realizadas no período comprendido, exclusivamente, entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2024, ambos incluídos.
A dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será de 1.200 € para estadías realizadas en países de Europa e de 1.500 para estadías no resto do mundo.

Requisitos:
- Estar matriculado no curso 2023/24 como mínimo en 50 créditos, excluídos os recoñecidos, validados ou adaptados, en calquera das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, e ter superado 60 créditos en 30 de setembro de 2023, excluídos tamén os recoñecidos, validados ou adaptados.
- O curso de idiomas debe ser presencial, ter unha duración mínima de tres semanas, excluíndo as datas da viaxe, e un mínimo de 45 horas lectivas. O idioma que se desexe cursar deberá ser distinto do castelán e deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 15 de marzo de 2024.
As solicitudes realizaranse a través de https://sede.xunta.es co procedemento ED416A
Máis información no DOG do 9 de xaneiro de 2024 e en orientacion.sug@edu.xunta.es