Enreguéifate 2024

23 Xan 2024

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega.

A participación é aberta e de balde e concrétase co envío dun vídeo no que, cando menos, dúas persoas aparezan regueifando en lingua galega

Categorías
- Xeral, na que pode participar calquera persoa.
- Escolar, na que pode participar alumnado de ensino non universitario (educación infantil, primaria, secundaria, formación profesional, ensinanzas especiais, artísticas, escolas de música, de danza ou de idiomas). Nesta categoría, as persoas participantes representarán o centro educativo no que estuden, aínda que poden inscribirse co nome da súa aula ou co que decidan adoptar para diferenciárense doutras que participen do mesmo centro.

Características dos vídeos
- O idioma empregado ten que ser o galego.
- A temática é libre.
- En cada vídeo deben aparecer, cando menos, dúas persoas. Unha mesma persoa pode participar en varios vídeos.
- A duración máxima das pezas será de 3 minutos.
- Non se establecen restricións no formato, sempre e cando as gravacións se aprecien de xeito claro.
- Non se poderán transmitir imaxes ou mensaxes violentas, ofensivas e/ou discriminatorias. A organización descartará aqueles vídeos con contidos que non considere apropiados.

Inscrición
Os vídeos enviaranse a través da web de Enreguéifate, www.enregueifate.gal, xunto co formulario de inscrición cuberto que se atopa na propia páxina do certame.

Prazo: ata o 1 de marzo de 2024.

Os premios serán simbólicos e incluirán a difusión do traballo:
- Regueifa máis brava: valoraranse os vídeos cun xeito de regueifar máis ousado, garboso, festeiro e divertido.
- Regueifa máis aguda: valoraranse os vídeos máis enxeñosos, creativos e orixinais desde o punto de vista estético.
- Regueifa máis diversa: valoraranse os vídeos nos que haxa maior heteroxeneidade entre as persoas participantes en canto a sexo, idade, nacionalidade, etcétera.
- Regueifa máis reivindicativa: valoraranse os vídeos cunha temática crítica ou satírica, tendo tamén en conta o tratamento de asuntos de actualidade.
- Regueifa mellor cantada: valoraranse os vídeos nos que se demostre unha mellor entoación, afinación e ritmo musical.
- Regueifa mellor falada: valoraranse os vídeos nos que se demostre mellor calidade lingüística, tendo en conta o uso coidado, correcto e non sexista da lingua galega en todas as súas variantes dialectais

https://enregueifate.gal/edicion-2024/ 

Aquí están as Regueifas gañadoras de 2023: https://enregueifate.gal/edicion-2023-ganadores/