O impacto ambiental dos datos

28 Nov 2023

A tecnoloxía, internet, as redes sociais e a masificación dos computadores supoñen un avance enorme e un cambio na nosa maneira de vivir.

A pesar de todos os beneficios e melloras na nosa calidade de vida, estes avances traen consigo un aspecto negativo: a pegada de carbono dixital.

A pegada de carbono dixital é a cantidade de emisións de gases de efecto invernadoiro que se producen cada vez que utilizamos internet, redes sociais ou as tecnoloxías da información e a comunicación.

Por exemplo:

Segundo un estudo levado a cabo polo investigador francés Basile Fighiera, enviar un correo electrónico curto desde un ordenador e cun documento adxunto de 1 MB emite 3,3g CO2

Se imos ao ámbito do lecer, segundo un informe da propia Netflix, visualizar unha hora de contido na súa plataforma emite 55 gramos de CO2.

En canto ao xogo en streaming, hai que sinalar que ten unha pegada de carbono maior cás descargas ou o formato físico, salvo que se trate de partidas de curta duración, como recolle PlayStation nun informe anual sobre o seu traballo para reducir as súas emisións de carbono.

A maior pegada recae na transmisión de datos. E é que, cada vez que mandamos unha mensaxe de Whatsapp ou compartimos unha foto nas nosas redes sociais estamos a contaminar, principalmente pola necesidade de enerxía que se necesita para todos estes procesos, pero tamén pola necesidade de grandes espazos de almacenamento de datos ‘na nube’, e pola renovación constante dos aparellos electrónicos e electrónicos ou os propios servidores.

É dicir; moitos dos nosos hábitos diarios nos que a tecnoloxía está presente, desde enviar un documento adxunto nun correo electrónico ata unha simple procura na internet ou visitar as redes sociais, implican un impacto ambiental!

As nosas accións son fundamentais para a sostibilidade ambiental e a optimización dos recursos.

Tómao en serio!