Programa educativo na Catedral de Santiago para alumnado galego

23 Out 2023

A Fundación Catedral de Santiago presentou un programa educativo dirixido ao alumnado galego, de todas as idades, que ten como obxectivo principal dar a coñecer e afondar na historia da catedral compostelá e nas súas coleccións artísticas, e que inclúe diferentes visitas didácticas de carácter temático. Un dos recursos claves do programa será a web do Museo Catedral, que acubillará boa parte dos recursos do programa.   bplaycatedral

O programa constará de visitas adaptadas a diferentes idades, nas que o alumnado percorrerá os espazos cos que conta o Museo Catedral coma o edificio claustral, o Pazo de Xelmírez ou o Pórtico da Gloria, entre outros. Todas elas integrarán diferentes dinámicas educativas e abranguerán a diversidade do alumnado.

“A temática das visitas será diversa”, explicou a fundación na presentación, engadindo que haberá marxe “para as emocións, da man das cores e da música no Pórtico da Gloria; e tamén para o xogo, da man da iconografía na colección artística do museo e de personaxes como Dona Urraca e Diego Xelmírez”. Tamén haberá espazo para o alumnado da ESO e Bacharelato, levándoos a aqueles lugares que atopan nos libros de historia e reflexionando arredor da presenza das mulleres nos museos e na arte.

Esta proposta sumarase aos programas de visitas xa desenvolvidos polo Museo Catedral e será completamente gratuíta para os centros escolares previa reserva. O profesorado contará cun repositorio en liña, ao que poderán acceder a través da páxina web do Museo Catedral, no que atoparán materiais dispoñíbeis para descarga cos que os centros poderán traballar previa e posteriormente nas aulas, así como documentos informativos para a formación do profesorado e o enderezo electrónico de contacto.

https://www.museocatedraldesantiago.es/es/museo-de-la-catedral-de-santiago/ 

Percorrido virtual pola Catedral:  https://www.turismo.gal/fotos/IMAGENES/FLASH/ARQUITECTURARELIGIOSANP/Catedral_de_Santiago_2021/index.html