Aula Newton Galicia

12 Set 2023

A Aula Newton Galicia da Tecnópole vai poñer en marcha un novo curso dirixido a alumnado de 2º da ESO a 1º de Bacharelato de toda Galicia. Trátase dunha aula de aprendizaxe de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (STEM) destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador.

A iniciativa está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole. Esta proposta enmárcase dentro das actividades de Tecnópole Divulga, que buscan incentivar as vocacións científicas e o espírito emprendedor entre as xeracións futuras.

Xa se poden facer as inscricións da primeira quenda (de outubro a finais de xaneiro) desta 3ª edición da Aula Newton a través da súa web. Estará accesíbel os xoves e venres, de 10:00 a 13:00 h.
Haberá unha segunda quenda de febreiro a xuño.
Este curso participarán 2.160 rapaces e rapazas de toda a comunidade.

Simuladores profesionais de voo
Os participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo Voamos con números: unha aventura aérea. Neste senso, a Tecnópole lembra que a Aula Newton dispón de catro simuladores de voo profesionais, que permiten que os rapaces e rapazas “gocen desta experiencia, converténdose en pilotos por un día”.
O alumnado debe responder a unha hipotética misión de rescate localizada en Galicia, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, situado na Estrada, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, os participantes poranse á fronte dos simuladores de voo avanzados, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo de instrutores cualificados.

https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia