XXX Concurso de noveis Deseñadores de Moda de Camariñas
Poden concorrer a esta convocatoria todos os noveis deseñadores con independencia da súa nacionalidade ou país de residencia, nos que concorra algunha das seguintes circunstancias: a) Alumnos e alumnas que estean cursando estudos en centros, escolas e academias que impartan ensinanzas de deseño e técnicas de confección, teñan ou non, os seus estudos rematados. b) Todas aquelas persoas, vinculadas ao mundo do deseño, que aínda sendo profesionais no campo da moda, por manter unha relación contractual ou autónoma con algunha empresa do sector, non formen parte do seu equipo de deseño.
Cada aspirante presentará unha colección composta por 4 deseños. O tema e a modalidade á que poden optar é libre tanto para moda masculina como feminina, con todas as súas variantes; quedan excluídos os deseños de moda infantil. Todos os deseños teñen que ter aplicado encaixe de Camariñas e non serán aceptados os que presenten outro encaixe diferente.
Os deseños presentados non puideron ter sido premiados noutros certames de moda. A memoria poderá estar impresa en formato DIN A3 ou A4, na portada deberá figurar obrigatoriamente o título da colección e o nome do/a autor/a non deberá figurar en ningunha parte da memoria.
A técnica dos debuxos é libre e cada deseño presentarase nunha lámina coa vista de fronte e posterior. As láminas deberán ir acompañadas dunha descrición técnica do modelo axustándose como mínimo ao talle 38 modelo feminino e talle 42 modelo masculino, segundo o sistema europeo.
Prazo: Ata o 1 de decembro de 2023
Premios:
1º premio: 2100 €
2º premio: 1200 €
3º premio: 600 €
Premio á colección máis comercial: 600 €
Tamén se lle entregará a cada persoa finalista no concurso un diploma que acredite a súa participación no XXX Concurso de Noveis Deseñadores.