A Xunta de Galicia convoca subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil así como proxectos de Voluntariado Interxeracional no medio rural, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2023.
O dito programa consiste en instar á participación nas entidades de acción voluntaria e nas entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia das persoas mozas galegas para a súa colaboración como persoas voluntarias na realización dos proxectos de voluntariado.
Proxectos subvencionables
Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Para as persoas menores de 18 anos precísase, ademais, autorización da nai, pai ou persoa que exerza a titoría legal.
Estes proxectos que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolveranse, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes actividades:
a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
c) Actividades con colectivos en situación de risco.
d) Actividades xuvenís.
e) Actividades ambientais.
f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero ou aquelas que desenvolvan medidas orientadas á prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero.
g) Actividades relacionadas co ámbito familiar.
h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.
i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.
j) Actividades relacionadas co proxecto piloto Talento interxeracional. Dentro destas actividades serán subvencionables as seguintes liñas:
1º. Liña 1. Coidados: avaliar o illamento en que se encontran algunhas persoas maiores, e elaboración de proxectos orientados á integración destas persoas que residan soas ou en áreas con baixa poboación, coa finalidade de paliar o illamento e potenciar a participación en actividades colectivas mediante o establecemento de puntos de encontro no seu contorno que faciliten a súa participación sen necesidade de facer grandes desprazamentos.
2º. Liña 2. Protección do ambiente: proxectos encamiñados á eliminación de especies invasoras en zonas de especial sensibilidade ambiental ou á recuperación de especies autóctonas.
3º. Liña 3. Cohesión tecnolóxica e dixital: proxectos orientados á dixitalización para persoas maiores (manexo de teléfonos móbiles, apps, relacións con entidades bancarias, servizos sanitarios ou administrativos).
Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2023. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo e se son inferiores sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.
Requisitos:
- Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
- Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarias ou voluntarios.
- Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias.
Os trámites presentaranse en http://sede.xunta.es co procedemento BS320A
O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 18 de setembro de 2023.
Máis información no DOG do 18 de agosto de 2023 e en www.voluntariadogalego.org