Prácticas no Banco Europeo de Investimentos

22 Ago 2023

O Banco Europeo de Investimentos ofrece prácticas a titulados universitarios. O Banco Europeo de Investimentos (BEI) é a institución de financiamento da Unión Europea. A súa misión é contribuír á integración, ao desenvolvemento equilibrado e á cohesión económica e social dos países membros.

Os departamentos do BEI contratan a bolseiros ben cualificados para realizar un período de prácticas dende un a cinco meses seguindo un programa de formativo definido, principalmente nas áreas de finanzas, auditoría, economía, enxeñería e secretaría xeral.
O número de períodos de prácticas no Banco é moi limitado e concíbese en función das necesidades dos departamentos, que tamén determinan a duración do período de prácticas.
Os asesores de formación designados polos departamentos de acollida orientarán aos bolseiros nos seus programas de traballo e encargaranse de supervisar a súa formación.
Poderá concederse unha asignación aos bolseiros. O Director de Recursos Humanos determinará a súa contía. Os candidatos discapacitados poderán recibir unha asignación suplementaria.

Requisitos:
Ter a nacionalidade dalgún dos Estados membros ou dos países candidatos cuxas negociacións de adhesión comezasen.
Posuír un profundo dominio dunha das linguas de traballo internas do Banco (francés/inglés).
Darase preferencia aos candidatos que terminen ou inicien un curso sobre a integración europea ou un ámbito relacionado coas actividades do BEI en canto institución de financiamento da Unión Europea.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 22 de decembro de 2023.

Máis información https://www.eib.org/