Cos obxectivos de estimular o uso do galego na área de ciencias da saúde e fomentar a existencia de recursos divulgativos en galego en novos soportes na área de ciencias da saúde, a Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, a través do Servizo de Normalización Lingüística, convoca o VIII Concursode subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego.
Modalidades de participación
Modalidade A
Dirixida a alumnado, PDI ou PAS da USC durante o curso 2022-2023.
Modalidade B
Dirixida a persoas alleas á USC.
As persoas interesadas en participar deben inscribirse no concurso entre o 31 de xullo e o 30 de setembro de 2023, empregando este formulario e subtitular ao galego un vídeo TED do ámbito das ciencias da saúde, seguindo as instrucións que se lles fornecerán despois de que realicen a matrícula. A data límite para rematar a subtitulación será o 4 de novembro.
Formación
As e os participantes na Modalidade A poden asistir ao Obradoiro de subtitulación que se vai desenvolver os días 3 e 4 de outubro de 2023 entre as 16,30 e as 18,30 horas a través de Microsoft Teams. A inscrición realízase na Secretaría Virtual. A actividade é de balde, pero o SNL pode suspendela se non se inscribe un mínimo de 10 persoas.
Recoñecementos e premios
Todas as persoas que participen no Obradoiro e entreguen antes da data límite os subtítulos que elixiran recibirán un diploma de asistencia á actividade, así como unha constancia da experiencia de tradución e subtitulación.
Os mellores traballos presentados en cada Modalidade serán recoñecidos cun dos seguintes premios:
Modalidade A (3 premios)
1º premio: 300 euros e diploma honorífico
2º premio: 250 euros e diploma honorífico
3º premio: 200 euros e diploma honorífico
Modalidade B (2 premios)
1º premio: 300 euros e diploma honorífico
2º premio: 150 euros e diploma honorífico
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2023.
Máis información http://www.usc.gal/