Bono Talento empresa para formación

20 Xul 2023

A Xunta de Galicia convoca os Bonos Talento empresa, destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.

As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais, realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Estes ámbitos son:

a) As competencias dixitais, desde a dixitalización básica (traballo colaborativo con ordenadores, ofimática nivel usuario de paquetes ofimáticos sectoriais e especializados ou uso de dispositivos, etc.) ata a adquisición de competencias e coñecementos técnicos avanzados (programar sistemas informáticos, configurar e protexer sistemas informáticos, acceder a e analizar datos dixitais, etc.), a adquisición de coñecementos de tecnoloxías innovadoras ou disruptivas, etc.

b) As competencias das persoas traballadoras en procesos industriais, incluíndo a manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas do ámbito da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ou interpretación de documentación ou diagramas técnicos, entre outros.

c) As competencias vinculadas á xestión empresarial, incluíndo competencias de xestión de persoas e equipos (recursos humanos e xestión do talento, xestión de proxectos, etc.), a xestión eficiente dos recursos, a toma de decisións e a planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas, financeiras e contables, etc.

d) As competencias de prestación de servizos a clientes, tanto vinculadas a promocionar, vender e comprar produtos ou servizos como relativas á atención ao cliente (orientación e asesoramento, satisfacción do cliente, asistencia posventa, xestión de reclamacións, etc.) e a atención telefónica.

e) As competencias do ámbito asistencial, incluíndo a prestación de coidados (asistencia a persoas enfermas, con problemas de mobilidade e maiores, entre outras), técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar, entre outros.

As accións formativas solicitadas non deben estar incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Para facilitar a comprobación da oferta formativa actual do Catálogo ponse ao dispor a seguinte ligazón: https://emprego.xunta.gal/portal/gl/bono-talento

Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas e pequenas empresas, así como as entidades do terceiro sector da acción social.

Os formularios de solicitude están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal co código TR302D
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 29 de setembro de 2023.
Máis información no DOG do 20 de xullo de 2023