O Concello de Lugo convoca o 23º Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre "Cidade de Lugo"
Poderán participar neste certame todas e todos os artistas maiores de 18 anos que o desexen. Cada autora e/ou autor só poderá presentar unha obra, e non poderá asinala ata o momento no que se coñeza o ditame do xurado.
O estilo e a técnica serán libres, e a súa temática xirará sobre a cidade de Lugo en toda a súa extensión. A execución será directa, diante do motivo ou do modelo natural. Os participantes deberán enviar unha localización do punto no que se sitúen para realizar a súa obra ao correo cultura@lugo.gal antes das 12.00 horas; de non ser posible, facelo telefonicamente aos números indicados na base 12ª.
As inscricións realizaranse no Servizo de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo o propio día do certame, no momento de selado dos soportes, e serán gratuítas. O certame terá lugar o domingo, día 9 de xullo.
Cada participante levará o material que poida necesitar e considere necesario para desenvolver o seu traballo, incluído (de ser posible) o seu cabalete onde se exporá a súa obra.
O soporte non superará as dimensións máximas de 100 x 100 cm. e presentarase o día do certame das 9.00 ás 11.00 h da mañá no Servizo de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo (praza Maior 1), para ser selado.
O tempo para presentar as obras será entre as 16.00 e as 17.00 horas e realizarase no control establecido na praza Maior, onde se coñecerá o ditame do xurado ás 18.00 horas e os autores e autoras asinarán as obras.
Premios:
1º.- 1.600 € e diploma
2º.- 1.100 € e diploma
3º.- 900 € e diploma
5 accésits de 300 € e diploma
Para calquera consulta sobre algún pormenor da actividade, deberán poñerse en contacto co Servizo de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua nos teléfonos 982 297 212/16/17
Máis inforamción no BOP de Lugo do 18 de maio de 2023