Conecta co Camiño, para a mocidade da Galicia exterior

16 Mai 2023

A Xunta de Galicia convoca o programa Conecta co Camiño, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa cultura e a xeografía galegas a través da realización de distintos tramos do Camiño de Santiago Portugués ata chegar a Compostela..

Convócanse 60 prazas, para mozos e mozas residentes no estranxeiro, con idades comprendidas entre os 18 e os 20 anos, para o desenvolvemento de actividades relacionadas co Camiño de Santiago, durante 12 días, entre o 20 e 31 de xullo. Aloxaranse na residencia xuvenil Altamar, en Vigo (Pontevedra), para a realización dun programa dividido en dúas partes:

1ª. O percorrido de 8 tramos galegos a pé polo Camiño de Santiago Portugués e da Costa, ata Compostela.
2ª. A participación en actividades orientadas a coñecer aspectos da historia xacobea e o patrimonio cultural vencellado á zona da contorna.

BCADRO2

Requisitos das persoas participantes:
a) Ter a súa residencia habitual no exterior.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.
c) Ter a nacionalidade española, agás para o caso dos netos ou netas de galegos.
d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).
e) As persoas participantes nas actividades deberán ter, o 30 de xuño de 2023, unha idade comprendida entre os 18 e os 20 anos.
f) Carecer de discapacidades que lle impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.
g) Condicións económicas.
– Para optar ás prazas con financiamento do 100 % da axuda da viaxe, o límite máximo dos ingresos persoais non poderá superar en dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria, e o máximo admitido para a unidade familiar é o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.
– As persoas solicitantes cuxa unidade familiar non dispoña de ingresos superiores a catro veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria deberán aboar 500 € se residen en América e 125 € se residen en Europa.
– As persoas solicitantes cuxa unidade familiar supere as ratios indicadas nos puntos anteriores deberán aboar 1.000 € se residen América e 250 € se residen en Europa.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 16 de xuño de 2023
As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento PR930D
Máis información no DOG do 16 de maio de 2023 e en http://emigracion.xunta.es