A Universidade da Coruña abriu ata o 15 de xuño o prazo de inscrición ao Campus de Verán Gallaecia, unha iniciativa que se celebra por primeira vez este ano e que está financiada pola Fundación ONCE.
A actividade, de carácter gratuíto, está impulsada desde o programa Espazo Compartido. O obxectivo é favorecer a formación en habilidades persoais, sociais e competencias básicas para a empregabilidade e o fomento da inclusión laboral de mozas con discapacidade cognitiva.
Xunto á Universidade da Coruña (UDC), neste campamento colaboran varias entidades con experiencia na atención a persoas con discapacidade intelectual: Universidade de Vigo (UVigo), Fundación Abrente – Proxecto ENKI, e a Asociación de Síndrome de Down Ourense.
O Campus de Verán Gallaecia celebrarase no campus coruñés do 1 ao 9 de xullo e oferta 34 prazas. Combinará actividades de formación e orientación vocacional, de creatividade e empoderamento para o uso das novas tecnoloxías, e propostas de lecer e esparexemento, con diversas saídas na área metropolitana da Coruña e Costa da Morte. Todas as persoas participantes aloxaranse na Residencia Universitaria Elvira Bao (UDC - Campus de Riazor).
Do mesmo xeito que o público destinatario de Espazo Compartido, o campus de verán diríxese a persoas mozas de entre 18 e 30 anos que teñan acreditado un diagnóstico de discapacidade intelectual, do desenvolvemento ou de trastorno de espectro do autismo. Así mesmo, deben estar inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil de forma previa ao desenvolvemento do campus.
O prazo de inscrición está aberto ata o 14 de xuño de 2023. Para calquera dúbida pódese contactar no correo programa.ecompartido@udc.es
A participación no Campus de Verán Gallaecia é gratuíta grazas ao apoio do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a iniciativa de emprego xuvenil Campus de Verán Unidiversidad.