A Deputación de Pontevedra convoca os Premios Novos Valores 2023, destinados a promover a formación de artistas noveis.
Poderá participar neste certame calquera artista, natural ou residente en Galicia, con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos na data de presentación da solicitude, das modalidades de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo creación, entre outras, susceptibles de considerarse novos valores.
Os premios consisten na adxudicación, entre as obras seleccionadas, de catro bolsas, cada unha por un importe de 7.500 euros brutos, para que autoras e autores amplíen os seus estudos artísticos.
Características das obras
As obras que se presenten deberán ser orixinais e inéditas, polo que non se admitirán as xa expostas nas anteriores edicións deste certame ou noutras mostras, individuais ou colectivas, ou que participasen noutros concursos.
Só se aceptará unha obra por artista; o seu peso non poderá superar os 500 kg e as súas dimensións máximas non excederán os 2 x 2 m ou, no seu caso, os 2 x 2 x 2 m. As obras presentaranse de forma que permitan a súa exposición directa, sen necesidade de manipulación nin de complexas instalacións posteriores. Os debuxos, as pinturas e as fotografías irán sobre un soporte ríxido e sen cristal. De precisar protección, poderá empregarse metacrilato, policarbonato ou PVC.
No apartado de audiovisuais, admitiranse obras unicamente en soporte dixital nos formatos máis usuais e o tempo de proxección non excederá os 5 minutos.
As solicitudes presentaranse preferentemente por medios electrónicos a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra https://sede.depo.gal
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 16 de maio de 2023
Proposta técnica
A persoa solicitante deberá achegar a proposta técnica da súa obra a través dunha oficina de asistencia en materia de rexistros da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/es/oficinas-de-rexistro), entre o 22 e o 26 de maio de 2023, na que se incluirán:
1. O modelo de presentación anonimizado debidamente cuberto, no que debe constar o código do proxecto.
2. Ata 5 fotografías da obra nun formato admitido na Sede electrónica. No caso de tratarse dunha produción audiovisual, esta entregarase nunha memoria USB nos formatos de reprodución máis usuais.
3. Unha memoria da obra presentada que inclúa a súa ficha técnica (título, técnica, medidas, ano de realización) e a súa descrición; nela atenderase aos aspectos conceptuais, teóricos e metodolóxicos que permitan comprender mellor a obra, cunha extensión máxima de oito (8) páxinas DIN A4 en formato PDF.
4. Dossier cos traballos desenvolvidos que permita coñecer a súa traxectoria artística, cun máximo de cinco (5) páxinas DIN A4 en formato PDF.
5. Presentación, detallada e expresa, en formato PDF, da finalidade ou do destino formativo para o que se concorre á bolsa.
Unha vez revisadas polo Museo de Pontevedra as propostas presentadas, xunto coa súa documentación técnica xustificativa, convocarase o xurado, que examinará, valorará e seleccionará ata un máximo de 25 propostas de entre as presentadas, coas que se conformará a mostra “Novos Valores 2023”, que estará aberta ao público no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra do 13 de xullo ao 17 de setembro.
https://www.depo.gal/es/-/novos-valores