A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) convoca un concurso de curtametraxes dirixido aos estudantes universitarios que teña como tema a doazón e os beneficios do transplante de medula ósea, co fin de promover a sensibilización social de maneira responsable sobre a doazón, entendida como un acto voluntario e altruísta.
Poderá participar no concurso de curtametraxes o alumnado matriculado durante o curso 2022/23 nas universidades do Sistema Universitario de Galicia e nos centros asociados da UNED en Galicia.
Características das curtametraxes:
- O contido das curtametraxes tratará sobre a doazón e o transplante de medula ósea e os aspectos relacionados con estes. Terán unha duración máxima de 2 minutos (coas cortinas inicial e final incluídas).
- Poderá participar neste concurso o alumnado, en forma individual ou en grupo (cun máximo de cinco autores por cada un dos traballos presentados).
- Aceptaranse obras mudas ou sonoras, sempre e cando os textos e diálogos estean subtitulados en galego normativo e todas as secuencias e imaxes sexan creadas para a obra. En calquera caso, non se aceptarán obras que inclúan imaxes protexidas por dereitos de autor alleos a quen presenta a obra.
- A técnica será libre e poderá gravarse con calquera dispositivo, incluído o teléfono móbil ou tablet en posición horizontal. Presentarase unha copia en máxima calidade.
- As obras deberán incluír obrigatoriamente un título relacionado co fomento da doazón de medula ósea.
O prazo de recepción das curtametraxes estará aberto ata o 16 de xuño de 2023.
O primeiro premio consistirá nunha tarxeta regalo por valor de 2.000 euros, que se dividirá entre o número de autores da curtametraxe gañadora, para a adquisición de material informático, audiovisual, deportivo ou material de lectura.
O segundo premio consistirá nunha tarxeta regalo por valor de 1.500 euros, que se dividirá entre o número de autores da segunda curtametraxe gañadora, para a adquisición de material informático, audiovisual, deportivo ou material de lectura.
O terceiro premio consistirá nunha tarxeta regalo por valor de 1.000 euros, que se dividirá entre o número de autores da terceira curtametraxe gañadora, para a adquisición de material informático, audiovisual, deportivo ou material de lectura.
https://www.sergas.es/Doazon-e-Transplantes/VIII-Concurso-Universitario-de-Curtametraxes