Mobilidade Erasmus+ no ámbito do deporte de base

23 Mar 2023
Esta nova acción do programa Erasmus+ ten como obxectivo principal contribuír ao desenvolvemento das organizacións de deporte de base apoiando a mobilidade educativa do seu persoal para favorecer o desenvolvemento profesional e a mellora de competencias e capacidades de adestradores e outros membros do persoal.
Para iso, financiaranse proxectos de mobilidade educativa mediante os que as organizacións deportivas do deporte de base poderán organizar, noutros países, actividades de formación ou aprendizaxe para o seu persoal.
Poderán apoiarse as oportunidades de mobilidade educativa para o persoal do deporte distinto do deporte de base cando a súa participación poida beneficiar ao de base.
 
Un proxecto pode incluír unha ou máis actividades. As actividades poden combinarse en función dos obxectivos do proxecto e as necesidades da organización ou organizacións participantes e os propios participantes.
 
Tipo de actividades:
- Aprendizaxe por observación e períodos de observación: Os participantes pasan un período de tempo (de dous a catorce días) nunha organización de acollida doutro país co obxectivo de aprender novas prácticas e recompilar novas ideas mediante a observación e a interacción con homólogos, orientadores, voluntarios ou outros membros do persoal no seu traballo diario na organización de acollida.
- Estancias de orientación ou formación: Os participantes pasan un período de tempo (de quince a sesenta días) orientando ou impartindo formación nunha organización de acollida doutro país como forma de aprender a través da realización das súas tarefas e o intercambio con homólogos. Isto contribúe ao desenvolvemento de capacidades das organizacións.
- As actividades de mobilidade poden combinarse con actividades virtuais. As duracións mínimas e máximas especificadas anteriormente aplícanse ao compoñente de mobilidade física.
 
A duración dos proxectos será de entre tres e dezaoito meses. O número máximo de participantes por proxecto será de 10. As actividades non poderán ter fins lucrativos.
 
Os proxectos poderán ser presentados por:
- Unha organización pública ou privada activa no ámbito do deporte e a actividade física e que organiza actividades deportivas e físicas a nivel de base (por exemplo, organización sen ánimo de lucro, autoridade pública local, club deportivo).
- Unha organización deportiva non pertencente ao deporte de base se a participación do seu persoal beneficia aos deportes de base (por exemplo, unha organización internacional).
- A organización solicitante exercerá de organización de envío: seleccionará os participantes e enviaraos a unha organización de acollida no estranxeiro. Os participantes (máximo de 10) deberán traballar na organización de envío, ben mediante un contrato de traballo ou de voluntariado ou demostrar que axudan regularmente a levar a cabo as actividades principais da organización.
Como no resto das accións do programa apoiarase a participación de persoas con menos oportunidades.
 
Durante 2023 haberá dúas roldas para a presentación destes proxectos. A primeira finalizará o 23 de febreiro (para proxectos que comecen entre o 1 de xuño e o 31 de decembro do mesmo ano) e a segunda, o 4 de outubro (para proxectos que comecen entre o 1 de xaneiro e o 31 de maio de 2024).
 
 
 
Acceso á sesión informativa sobre Erasmus+ Deporte, organizada pola Comisión Europea: https://webcast.ec.europa.eu/2023-erasmus-sport-info-day-2023-01-30-gasp