REGA 23. Residencias artísticas do Gaiás

21 Feb 2023

As Residencias Artísticas do Gaiás encadran unha serie de actuacións estratéxicas que teñen como finalidade apoiar o talento e dar visibilidade á creación artística e cultural contemporánea, tanto galega como internacional.

O programa consolídase en dous formatos principais: unha convocatoria de libre concorrencia dirixida a artistas a través das Bolsas REGA, e aquelas residencias que se desenvolven en colaboración directa con organizacións e entidades de referencia no panorama cultura galego.

As REGA defínense polo seu carácter diverso e integrador, ao dar cabida a propostas de vangarda que transitan as linguaxes da danza, as artes vivas, as escénicas, a música, a literatura, as artes visuais e as artes plásticas.


Residencia Literaria Cidade da Cultura 2023
Apoiar o talento emerxente nas letras e na literatura mediante o intercambio de saberes e experiencias, a análise e posta en común do traballo e o diálogo con outras disciplinas artísticas son os piares da Residencia literaria da Cidade da Cultura. Ofrece 10 prazas para autoras e autores noveis que busquen perfeccionar os seus proxectos de narrativa durante unha estadía intensiva no Gaiás e co acompañamento de Javier Peña, director da residencia, e das autoras Marilar Aleixandre e Brenda Navarro, convidadas nesta edición.
O prazo de inscrición está aberto ata o 20 de marzo de 2023 e a Residencia literaria desenvólvese do 3 ao 15 de xullo.

Clásicas desfeitas
Ciclo coproducido polo Centro Dramático Galego da AGADIC e a Cidade da Cultura, permite redescubrir clásicos literarios a través doutras disciplinas artísticas. En 2023, ábrese ao encontro internacional con propostas que dialogan con artistas e compañías de Galicia, Portugal, México, Cuba e Uruguai. O Volume 6 toma a figura de Antígona como punto de partida para reflexionar desde o presente sobre a lei, a transgresión e a xustiza. Os Volumes 7 e 8 formarán un díptico ao redor das figuras fundacionais da literatura galega e mexicana: Rosalía de Castro e Sor Juana Inés de la Cruz, nun diálogo entre o CDG e a Compañía Nacional de Teatro de México. Presentaranse en marzo na Cidade da Cultura.

Bolsas REGA
AS bolsas do programa de Residencias Artísticas do Gaiás abre en febreiro na procura de proxectos artísticos e culturais vencellados ás artes visuais, escénicas, á música e ao deseño. As Bolsas REGA están dotadas con 8.000 euros cada unha, así como cos recursos técnicos e espazos necesarios para que as persoas beneficiarias —artistas galegos ou residentes en Galicia— poidan materializar as súas propostas nunha estadía de entre tres semanas e mes e medio na Cidade da Cultura (a desenvolver entre os meses de maio e novembro). Ademais, contarán cunha persoa mentora especialista que acompañará cada iniciativa.

RESIS en Residencia. «PLASMA»
É un proxecto de realidade virtual que ofrece a oportunidade de entender, través da imaxe e da música, como se constrúe o universo dun concerto de música contemporánea. O compositor Pedro González e os ensembles Klexos e Mosaik definirán durante a súa residencia no Gaiás os materiais multimedia e fragmentos musicais cos que darán forma a un concerto/performance interactivo que se presentará en maio no festival RESIS 2023. «PLASMA» poderá experimentarse tamén no Museo Centro Gaiás na forma dunha instalación inmersiva que permite a exploración das paisaxes abstractas e musicais derivadas do proceso de creación da peza. RESIS en Residencia realízase en colaboración coa asociación cultural AÏS.

Residencias Paraíso
A Cidade da Cultura forma parte, un ano máis, da rede de centros artísticos e culturais que acollen as Residencias Paraíso, programa anual impulsado polo Colectivo RPM co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais para apoiar o desenvolvemento de proxectos relacionados coa danza e as artes vivas. As Residencias Paraíso, diríxense a artistas de Galicia, do resto do territorio estatal e tamén a artistas de Portugal. A Cidade da Cultura acollerá, nos meses de xuño e xullo, 2 das 9 propostas seleccionadas nesta sétima edición do programa, nunha residencia compartida co Salón Teatro de Santiago de Compostela.

https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/rega-23-residencias-artisticas-do-gaias