Programa Bono Enerxía PEME

30 Xan 2023

O Bono Enerxía Peme, ao que se destinan 4,2 millóns de euros, case o dobre que o ano pasado, está destinado ás pemes e os autónomos galegos do sector do comercio, a hostalería e os servizos. Como novidade, apoiarase o asesoramento enerxético. Estas axudas sumaranse aos apoios para a mellora da envolvente a través de elementos de control solar como toldos de cor branca ou negro; iluminación, coa renovación de equipos interiores ou exteriores por outros que utilicen tecnoloxía led; a eficiencia enerxética en instalacións eléctricas; equipamentos como a renovación de electrodomésticos ou aparellos por outros de cualificación enerxética B ou superior; climatización ou inmótica, para xestionar a enerxía e o gasto de maneira máis eficiente.

Os apoios contarán cunha intensidade do 80% ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo e os solicitantes poderán acceder a un anticipo de ata o 50% sen necesidade da presentación de avais. As axudas resolveranse por orde de solicitude e cubriranse actuacións que se executen entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro.

O obxectivo é beneficiar a 1.000 autónomos e pemes, con aforros de 860.000 euros ao ano na factura enerxética e a creación ou mantemento de preto de medio centenar de empregos directos. Trátase da terceira edición desta convocatoria que, nas dous anteriores, xa permitiu impulsar en Galicia preto de 1.500 actuacións cun investimento de 6,1 millóns de euros. Na provincia de Ourense, o ano pasado apoiáronse 80 proxectos por valor de 314.000 euros.

O obxectivo deste programa é axudar ás pequenas empresas e aos autónomos a afrontar o custo da súa factura eléctrica, á vez que se incentiva a cultura da eficiencia enerxética entre o tecido empresarial, dotándoo de ferramentas e recursos para que poidan aforrar no consumo enerxético e reducir custos.

As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica en https://sede.xunta.gal co formulario IN417Z.

prazo de solicitudes está aberto ata o día 29 de xuño de 2023

 

Máis información no DOG do 24 de xaneiro de 2023 e en https://www.inega.gal/