Formación de Voluntariado a Correspondentes do IES Castro Alobre

11 Xan 2023

Os/as correspondentes do IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa (alumnado de 3º da ESO de Proxecto Competencial) recibiron no día 10 de xaneiro unha formación sobre Voluntariado da man de dous membros de "Ecos do Sur", unha ONG que reúne as persoas á volta dun propósito: facer que as migracións fructifiquen nunha sociedade máis próspera, máis xusta e orgullosa da súa diversidade. Este mesmo obxectivo é o que se persegue coa creación do "Voluntariado Lingüístico" no IES Castro Alobre e esa é a razón pola que os/as nosos/as correspondentes tiveron dúas horas de encontro con Said e Javi.

Said, mediador en "Ecos do Sur", para alén de artista fotógrafo e activista dos dereitos humanos, expuxo a súa experiencia en España tras saír do seu país, Arxelia, a consecuencia da súa loita a favor da liberdade de expresión.
Javi Galego, responsable do Voluntariado en "Ecos do Sur", explicou o proceso de acollida que levan a cabo desde a ONG e deunos as claves necesarias para arrincar co noso Voluntariado. O alumnado tivo a oportunidade de traballar en grupo e propor ideas que se intentarán materializar ao longo do curso.

No instagram @correspondentescastro e no Blog da Biblioteca http://bibliocastroalobre.blogspot.com/, cuxa colaboración é fundamental para desenvolver estas actividades, pódense ver fotos do Obradoiro.