Bolsas de Posgrao no estranxeiro da Fundación Barrié

02 Xan 2023

A Fundación Barrié convoca a 34ª edición do Programa de Bolsas de Posgrao para a ampliación de estudos no estranxeiro.

A convocatoria ten prevista a concesión dun máximo de 10 bolsas para a realización de estudos oficiais de Máster con dedicación a tempo completo.

Os obxectivos do programa son facilitar o acceso á mellor formación científica, técnica e artística; proporcionar experiencias vitais nun contorno internacional e multicultural e contribuír ao desenvolvemento de vínculos académicos, sociais, empresariais e culturais, a través da Asociación de Bolseiros da Fundación Barrié, unha comunidade excepcional que acada o milleiro de profesionais de múltiples disciplinas en todo o mundo.

A dotación económica da bolsa será dun máximo de 50.000 euros ao ano e poderá aplicarse total ou parcialmente aos seguintes conceptos:
- Matrícula no centro de destino.
- Dotación inicial única de 1.000 euros en concepto de instalación, que se abonará no mes de inicio do curso académico no centro de destino.
- Asignación de 1.600 euros mensuais, que se abonará conforme ao calendario académico do programa de estudos no centro de destino.

Para concorrer a esta convocatoria, as persoas solicitantes deberán acreditar os seguintes requisitos:
- Nacionalidade española.
- As persoas solicitantes deberán manter unha vinculación con Galicia
- Estar en posesión dun título universitario oficial
- Inscribirse en programas de estudos conducentes á obtención dun título oficial de Máster e que se realicen en modalidade presencial, continua, diúrna, a tempo completo e no estranxeiro.
- Nivel mínimo de inglés, así como do idioma de traballo do centro de estudos de destino cando devandito idioma non sexa o inglés, equivalente ao B2

O prazo para a presentación de solicitudes estará avberto ata as 12:00 horas do 20 de febreiro de 2023.
Máis información en https://fundacionbarrie.org/bolsas-posgrao-estranxeiro2?newlang=galician