Resoltas as axudas para a realización de programas de voluntariado interxeracional para dinamizar o medio rural

29 Dec 2022

A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a listaxe de concellos e entidades de acción voluntaria que obteñen fondos para levar a cabo as súas propostas de voluntariado interxeracional no medio rural. Son un total de 18 proxectos por un valor conxunto de case 500.000 euros ao amparo desta orde de axudas, que se enmarcan no Plan de recuperación, transformación e resilencia financiada pola Unión Europea (NextGenerationEU).

Esta nova proposta impulsada pola Consellería de Política Social e Mocidade tenta facilitar que persoas de máis de 55 anos transfiran a súa experiencia e bo facer a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos en ámbitos como a recuperación de oficios, a produción agroalimentaria ou a posta en valor do turismo e do patrimonio rural galego. Pola súa banda, a xente nova poderá devolver este coñecemento achegando aos maiores as súas habilidades nos campos dixital ou tecnolóxico, entre outros.

O obxectivo deste programa, que se desenvolverá durante os anos 2022 e 2023, é abrir novas oportunidades de futuro e perspectivas laborais no medio rural para a mocidade. Con tal finalidade, realizaranse actividades formativas e de intercambio de coñecementos entre a xente maior e a mocidade.