Ames AudioVisual LAB

14 Dec 2022

"Ames AudioVisual LAB" é un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais que busca impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o tecido produtivo do sector audiovisual.

Desenvolvemento de proxectos, formación e networking.

O "Ames AV LAB", que estará situado no Milladoiro, concello de Ames, nas instalacións do Coworking ‘A Proa’ da rede provincial de espazos de traballo colaborativo, dará soporte a un total de 15 proxectos, que serán seleccionados a través dunha convocatoria que se publicará proximamente.

Os criterios de valoración da selección terán en consideración buscar a promoción de proxectos diversos e inclusivos. Do mesmo xeito, priorizarase a incorporación daqueles que teñan o idioma galego como lingua vehicular e estableceranse mecanismos que garantan unha representatividade equilibrada de xénero e para a incorporación de persoas mozas menores de 30 anos ao sector.

Os destinatarios do proxecto son novos creadores do sector con proxectos non iniciados, en fase de creación ou desenvolvemento, que non teñan data de inicio de rodaxe prevista. Poderán participar curtametraxes, longametraxes, series, documentais de creación ou participativos, narrativas inmersivas e de realidade virtual e outros contidos audiovisuais e de carácter dixital fundamentalmente narrativos, primando o alcance local e provincial.

Ademais, os participantes poderán optar a unha convocatoria de bolsas que conta con 70.000 euros de orzamento, seleccionando sete proxectos que poderán recibir unha axuda de ata 10.000 euros que deberán destinarse á creación e desenvolvemento da súa proposta.

Máis información