Olimpíada Informática Galega 2023

24 Nov 2022

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)– organizan a Olimpíada Informática Galega 2023 (OIG 2023).

O obxecto da OIG, destinada a estudantes de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de grao medio, é a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade.

O certame celebrarase de maneira presencial o 10 de febreiro, pola tarde na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría en Informática da Universidade de Vigo e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela).

A pre-inscripción estará aberta ata o 15 de decembro e é un requisito imprescindible para a posterior participación.

Poderán inscribirse mozos e mozas que estean cursando a ESO, bacharelato ou un ciclo formativo de grao medio nun centro da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non teñan máis de 20 anos o 1 de xullo de 2023.

A competición consta dun conxunto de problemas, xeralmente entre catro e seis. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Cada problema describirá un escenario onde os participantes deberán desenvolver un programa que o resolva, o que require coñecementos de deseño correcto e eficiente de algoritmos. Os participantes poderán adestrar antes da competición inscribíndose nos adestramentos organizados polo comité pedagóxico da OIE, coa colaboración de antigos participantes da olimpíada e profesores de distintas universidades (inscrición).

A OIG permitirá seleccionar a dous representantes galegos para participarán na XXVII Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 24 ao 26 de marzo de 2023 en Madrid, mentres que o resto de participantes mellor clasificados na olimpíada galega tamén recibirán premios. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto/setembro de 2023 en Hungría.

Máis información: https://cpeig.gal/node/1603 

Contacto: informacion@oig.gal