XXIX premio de xornalismo gastronómico Álvaro Cunqueiro

21 Nov 2022

O Concello de Lalín en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, convoca o XXIXº premio nacional de xornalismo gastronómico Álvaro Cunqueiro.

Poderán participar no concurso os escritores/as, xornalistas e particulares que publicasen artigos, libros, entrevistas, reportaxes, viñetas, fotografías, comentarios, etc. -en galego ou en castelán- nos distintos medios de comunicación, sobre temas relacionados coa gastronomía galega, en particular, e a gastronomía, en xeral, nos últimos 2 anos.
Ademais, poderán tomar parte estudantes de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual que presenten os seus traballos académicos relacionados coa gastronomía.

As propostas que así o permitan deberán remitirse en formato dixital ao correo electrónico premiocunqueiro@lalin.gal.

O prazo para a presentación dos traballos estará aberto ata o día 16 de xaneiro de 2023.

Premios:
Premio de 4.000 € ao mellor traballo xornalístico presentado entre todas as categorías, ao que poderán concorrer os escritos publicados en medios de comunicación impresos; os libros, traballos, publicacións ou investigacións sobre gastronomía; os traballos xornalísticos emitidos en radios e televisións; as páxinas web con contidos dedicados á gastronomía ou os traballos gráficos (fotografía, viñeta, etc.) publicados en medios de comunicación impresos.

Premio de 1.000 € ao mellor traballo académico (prensa, radio, televisión e web) adicado á gastronomía presentado por alumnos de Xornalismo, Publicidade e Comunicación Audiovisual de toda a xeografía nacional co fin de potenciar aos novos valores da profesión xornalística.

Máis información no BOP de Pontevedra do 21 de novembro de 2022