Subvencións á oferta cultural en áreas non urbanas

18 Nov 2022

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca subvencións para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas Territorio Cultura

A finalidade destas axudas é reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural para acadar un tecido sólido máis aló dos grandes núcleos urbanos e contribuír, deste modo, a incrementar a actividade cultural no territorio, entendida como un motor de cambio, dinamización e transformación social.

A través desta liña de subvencións preténdese activar procesos culturais nas zonas non urbanas que afonden nos vínculos individuais e sociais co territorio, ofrecendo novas oportunidades laborais, de emprego estable e de calidade no eido cultural nas contornas rurais.

Entidades beneficiarias
Categoría 1. As persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, legalmente constituídas.
Categoría 2. Concellos e o sector público institucional deles dependente de calquera Administración (organismos públicos, entidades de dereito público ou privado).

Proxectos subvencionables
Os proxectos e actividades culturais deberán realizarse ou desenvolverse no medio rural. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por medio rural os concellos de menos de 30.000 habitantes e cunha densidade igual ou menor a 100 habitantes/km2.
a) Eventos ou espectáculos artísticos ou culturais, festivais, exposicións e outras actividades culturais similares dentro dos seguintes ámbitos: artes visuais, cinema e artes audiovisuais, teatro, danza, circo, musica, literatura e palabra, arquitectura, deseño e artesanía, incluíndo as actividades artísticas multidisciplinares e aquelas que relacionan a cultura e as artes coa ciencia e/ou os saberes tradicionais.
b) Proxectos que mediante a participación multiaxente –laboratorios de ideas, prototipados de proxectos, iniciativas transdisciplinares ou alianzas transectoriais–, favorezan a experimentación, a investigación e a innovación cultural e teñan unha concreción práctica no territorio.
c) Patrimonio inmaterial, en conexión coa cultura e as prácticas contemporáneas.
d) Actividades de educación, transferencia e mediación artística e cultural, incluíndo o uso das novas tecnoloxías.

As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal co formulario CT404F
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 19 de decembro de 2022
Máis información no DOG do 18 de novembro de 2022 e na web da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://agadic.gal