Vota ao Albergue Xuvenil Lug2 para unha maior accesibilidade!

26 Out 2022
A Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ), da que forma parte a Xunta de Galicia, abriu neste ano 2022 unha liña de axudas para mellorar a sustentabilidade e a accesibilidade nos albergues estatais que forman parte da rede.
 
O proxecto “Aquí comemos todos”, presentado polo Complexo Residencial Lug2, conseguiu chegar á fase de votación final na liña de axudas REAJ á accesibilidade, na que competirá xunto con tres albergues máis doutras comunidades autónomas. O obxectivo principal de “Aquí comemos todos” é facilitarlle o acceso ao comedor do albergue ás persoas con discapacidade, mediante a creación dunha rampa exterior que facilite a autonomía das persoas con maiores dificultades de mobilidade.
 
A votación, que permanecerá aberta á participación do público en xeral ata o 11.11.2022, cómpre realizala a través do enlace seguinte (1 voto por categoría, persoa e día): https://reaj.com/lineas-de-ayuda-de-sostenibilidad-y-accesibilidad/
 
Anímate a votar! Coa túa participación contribuirás a mellorar a accesibilidade de todas as persoas usuarias do albergue Lug2!