Formación sobre o programa Interreg e o Corpo Europeo de Solidariedade para informadores xuvenís

20 Set 2022

O centro Europe Direct A Coruña da Deputación da Coruña programou dous cursos de formación en programas europeos para o mes de outubro, dirixidos a informadores xuvenís dos concellos da provincia da Coruña centrados na xestión e deseño de proxectos europeos.

A formación en liña centrarase no programa Interreg de cooperación territorial da UE e o Corpo Europeo de Solidariedade, unha liña do programa Erasmus Plus que promove os voluntariados, formación ou axuda humanitaria entre a mocidade.

O curso sobre o programa Interreg busca amosar ás entidades locais da provincias as opcións existentes para avanzar na cooperación territorial. Ao longo de cinco horas de formación, o persoal dos concellos poderá coñecer as áreas de actuación de Interreg, os requisitos e as esixencias para participar, os enfoques que deben ter os proxectos e as últimas novidades do programa

A formación sobre o Corpo Europeo de Solidariedade achegará a persoal responsábel de centros de información xuvenil ou de políticas para a mocidade unha visión práctica das accións que se poden desenvolver neste programa. O programa abordará os proxectos de mobilidade xuvenil e as súas prioridades temáticas, sen esquecer o proceso de redacción, presentación e rexistro destas. O curso ten unha duración de seis horas, divididas en tres xornadas en liña nos días 18, 19 e 20 de outubro.

As prazas para ambas formacións, que son gratuítas, están limitadas a 30 persoas e é imprescindíbel o rexistro.
Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.